Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA convoca o V Concurso de fotografías, relatos e curtas polo territorio

Lugo, a 20 de Abril de 2015.- ADEGA convoca de novo os concursos polo territorio, co gallo de ofrecer unha nova oportunidade a sociedade galega de retratar o estado actual do territorio a través da imaxe e da palabra.
Por quinto ano consecutivo, os certames pretenden facer participativa á cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio en conivencia coa administración pública, e na que se propoñan alternativas máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural.

Estes concursos enmárcanse dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” e están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

ADEGA anima á participación nesta edición dos concursos, que o ano pasado superou as expectativas acadando 70 fotografías, 60 relatos e 10 curtametraxes.

As bases dos concursos pódense descargar da web de ADEGA, www.adega.gal

V Concurso “FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO”
As fotografías deberán ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se poden enviar fotografías que amosen exemplos de posta en valor do territorio. Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que poderán ser enviadas á organización ecoloxista a través do e-mail: culturaeterritorio@adega.gal.

Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.

O prazo para presentar as fotografías remata o día 15 de setembro do 2015.

Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 200 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 150 euros.

V Concurso “O LUGAR ONDE VIVO”
Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc. Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo(Ronda das Fontiñas 180, entrechán) ou por correo electrónico a; culturaeterritorio@adega.gal.

Para esta convocatoria establécense as categorías xuvenil e a adulto/a e o prazo límite de presentación das obras remata o día 15 de setembro de 2015.

Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 250 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 200 euros.

IV Concurso “E TÍ QUÉ É O QUE VES?”
As curtametraxes de ficción, documentais ou animación deberán dar mostra de exemplos de posta en valor da nosa cultura e territorio e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden os mesmos. Cada participante poderá presentar un máximo de catro creacións audiovisuais, que terá que enviar, en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo; Ronda das Fontiñas nº 180 Entrechán. Tamén poderanse colgar as obras nalgunha plataforma de intercambio de arquivos, tipo Dropbox e enviar o link de descarga aos organizadores no correo culturaeterritorio@adega.gal

Establécese unha única categoría para este concurso e o prazo límite de presentación dos traballos remata o día 15 de setembro de 2015.

Premios: Categoría Única; 1º Premio; Diploma e 250 euros, 2º Premio; Diploma e 150 euros.

Exit mobile version