Santiago de Compostela, xoves 23 de abril de 2015.- Un grupo de estudantes do IES Plurilingüe San Rosendo participará este venres nunha xornada formativa sobre cooperativismo no sector agroalimentario, impartida por técnicos de AGACA.
A iniciativa enmárcase na Rede Eusumo para a divulgación do emprendemento e de experiencias cooperativas como modelo de éxito, co obxectivo de explicar aos mozos as características e oportunidades de desenvolvemento laboral e económico do modelo cooperativo de negocio, para que cando rematen os seus estudos poidan contemplalo como unha opción de futuro profesional.
Ademais de asistir á charla educativa, os estudantes coñecerán de primeira man os pormenores do funcionamento da cooperativa Santa María do Val, nun percorrido polas súas instalacións acompañados por persoal da entidade.
AGACA e a Fundación Terra de Trasancos, que funciona como un dos “Centros Rede Eusumo” para a dinamización do emprendemento cooperativo, continúan deste xeito vinculados aos proxectos da Rede Eusumo.
Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a Rede de colaboración Eusumo, promovida pola Consellería de Traballo e Benestar dende 2011.