Site icon Crónica3.com A Mariña

AGE denuncia que “o PP se nega a que a Xunta investigue ducias de denuncias por fraude contra a compañía eléctrica Begasa”

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2015.- O idilio do Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo e os grandes oligopolios que controlan a enerxía eléctrica semella indestrutíbel. Así se entende a súa negativa a apoiar unha proposición non de lei –pnl, no documento anexo- defendida polo portavoz de Alternativa Galega de Esquerda Xosé Manuel Beiras que instaba á Xunta a investigar ducias de denuncias por fraude contra a compañía eléctrica Begasa.

Beiras expuxo unha iniciativa baseada en información subministrada pola Oficina de Defensa do Consumidor Eléctrico referida a 92 recursos de alzada presentados na Consellaría de Industria de Lugo e dos que apenas dous foron resoltos. Estas denuncias, explicou, teñen a ver coa manipulación reiterada de contadores de tipo IV, con actualizacións de contadores fóra de prazo, coa alteración das lecturas observadas, coa substitución de contadores sen comunicación previa ao cliente ou mesmo coa instalación de contadores que presuntamente non cumpren coa legalidade. “As denuncias son de fogares e de pequenas empresas, pero aínda máis destas últimas, sometidas a un enguedello legal”, engadiu.

“Por suposto, as reclamacións dos usuarios e usuarias na consellaría en Lugo foron inútiles”, relatou Beiras, para que nos atopamos “nunha situación de capitalismo feudal, como se adoita dicir, en que os oligopolios mandan sobre os gobernos”. Tanto é así, lembrou o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, que o director da oficina que recolle os recursos escribiu ao presidente da Xunta en 2012 para denunciar “un posíbel caso de prevaricación e corrupción” en departamentos do Goberno relacionados coa enerxía eléctrica e non obtivo resposta.

A proposición non de lei de AGE –que aceptou unha emenda do PSdeG- recibiu o apoio dos outros grupos da oposición. “Non agardaba outra cousa do PP, que actúan como bonecos de ventrilocuo do que mandan os seus amos”, pechou Beiras o debate.

Exit mobile version