Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe demanda á CE e ao Consello máis estudos sobre a biotoxina que afecta ao marisqueo e ás bateas

Bruxelas, 16 de abril de 2015.- A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, rexistrou hoxe dúas preguntas dirixidas á Comisión Europea (CE) e ao Consello Europeo, ao respeito do peche de grande parte das rías galegas por mor da detección da presenza de biotoxinas nas nosas rías.

Dende AGEe trasladamos ás institucións europeas a consideración de que os datos acadados nos ditames científicos realizados pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) EFSA-Q-2006-065H, EFSA-Q-2006-065A, EFSA-Q-2006-065E, que determinaron as doses de referencia aguda (DRA) na inxestión de moluscos que puideran ser receptores de dinoflaxelados potencialmente tóxicos, poden non ser concluíntes para establecer unha inxesta diaria tolerable (IDT) para os distintos tipos de biotoxinas mariñas asociadas ás nosas producións de moluscos, xa que as doses de referencia aguda (DRA) foron obtidas, segundo indican os informes, “cos medios cos que se dispoñían no momento”, e cunha mostra moi pequena, de tan só 5 países.

Polo tanto, ao fío do expresado polo sector marisqueiro e bateeiro, habida conta da falta de datos e a realización dun estudo de consumo de moluscos no marco da Unión Europea (UE) realmente exhaustivo, Lídia Senra pregunta á Comisión se ten previsto realizar estudos sobre o consumo de moluscos na UE que permitan establecer un menor grao de incertidume nas DRA de inxestión de moluscos.

Asemade, a deputada galega solicita información á Comisión sobre a posibilidade de “establecer axudas económicas para paliar ditas perdas mentres non se leven a cabo estudos máis precisos que permitan establecer as DRA para moluscos máis axeitadas a realidade”.

Exit mobile version