Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida encabeza a lista do BNG en Barreiros como “alternativa clara ó desgoberno do PP”

bng-barreirosBarreiros, 16 de abril de 2015.- A actual portavoz municipal e responsable comarcal do Bloque, Ana Ermida, encabezará a lista do BNG en Barreiros co vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, de número dous dunha candidatura que se presenta como “alternativa clara e real ao Partido Popular”.

Os nacionalistas, que se presentan baixo a fórmula BNG-Asembleas Abertas, presentan en Barreiros unha candidatura paritaria formada por 8 homes e 8 mulleres, das que 9 nunca antes tomaran parte nunha lista electoral, e na que dan entrada a 10 persoas independentes.

“Presentamos a mellor candidatura de todas as que se presentan en Barreiros, a máis formada e preparada, socialmente representativa de todas as parroquias e de todos os sectores produtivos de Barreiros e presentámonos como unha alternativa clara de goberno para sacar a Barreiros da parálise e o desgoberno no que ten sumido o Partido Popular o Concello”, afirma Ana Ermida, que destaca que “o Bloque é garantía de seriedade e honradez en Barreiros e de que o Concello sempre estará ao servizo de todos os veciños e veciñas e non de intereses persoais e particulares”.

Candidatura de xente moza xunto a persoas con experiencia
Logo da actual portavoz municipal, Ana Ermida, de 31 anos e licenciada en Dereito, e do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, integran a lista como número 3 Montse Porteiro, diplomada en Enfermería e traballadora na Unidade de Diálise do Hospital da Costa, e Dámaso Ratoeira Basanta, axente medioambiental e veciño de San Cosme, como número 4.

Como número 5 irá María Belén Fernández Soto, mestra e veciña de San Miguel, como número 6 Cándido Álvarez Veiga, gandeiro da Rilleira, e como número 7 Marta Castrillón, de 25 anos e traballadora do sector do comercio. Nunha lista ampla, na que incorporan 5 persoas suplentes, ademais das 11 titulares, a formación nacionalista pretende representación de todas as idades, sectores e situacións. Así forman parte da mesma gandeiros, amas de casa, xubiladas, estudantes e traballadoras e traballadores na administración e na empresa privada. Con esta mesma intención, incorporan como suplente a Lucía Pérez García, veciña de San Cosme, emigrada no Perú, que na fotografía de candidatura representan con unha maleta, “simbolizando a emigración da mocidade galega que segue a ser expulsada do País como consecuencia das políticas levadas a cabo polos distintos gobernos.”

A lista complétana Daniel García, Xoán Antonio Fernández Sante, Aurora Moreira Bermúdez, Diego Vizoso, Cristina González, Xoán Manuel Díaz Branco, Lucía Pérez García, Olga Villarino e Xesús Díaz.

Exit mobile version