Site icon Crónica3.com A Mariña

Arranxo do campo de fútbol Pepe Barrera

Anda o PP mentindo e intoxicando, como fai sempre que se achegan unhas eleccións, en relación ao amaño do campo de fútbol Pepe Barrera de Ribadeo. Co ánimo de informar aos veciños e veciñas de Ribadeo véxome na obriga de aclarar unha serie de cuestións sobre este tema:

O campo de fútbol Pepe Barrera é de titularidade municipal e o alcalde de Ribadeo e o seu equipo de Goberno nunca se negaron a amañalo. O que pasa é que o investimento necesario achegaríase ao medio millón de euros porque o campo ten problemas estruturais de drenaxe que non se solucionan cun parche, polo que é precisa unha actuación integral e en profundidade. Se actuasemos coma o PP, mandariamos un operario cunha carretilla facerlle un lavado de cara ao céspede xusto antes das eleccións. Pero como os do BNG somos xente seria non facemos iso nin pretendemos enganar aos veciños e veciñas de Ribadeo.

Decimos as cousas como son, e a realidade é que o Concello de Ribadeo ten neste momento outra prioridade, que penso que é compartida polo 100% dos veciños e veciñas de Ribadeo, que é acabar a residencia de maiores. As obras para que Ribadeo conte con este servizo tan necesario avanzan a moi bo ritmo, grazas ao compromiso do Concello de Ribadeo e da Vicepresidencia da Deputación, desde a que aportamos 1,8 millóns de euros para que esta demanda da sociedade ribadense poida ser unha realidade.

Faría ben o PP e o seu novo candidato en Ribadeo en sumarse á unánime reclamación do pobo ribadense para que a Xunta colabore economicamente nesta obra e poña os 500.000 euros que no seu día anunciou que poría no canto de xogar á contra para fastidiar a un alcalde, o de Ribadeo, só porque non é dos seus. Estou seguro que esa política revanchista vai ser castigada polos ribadenses nas urnas o 24 de maio. Pero como a Xunta non pon os cartos para a residencia, tenos que poñer o Concello do seu peto, no canto de poder destinalos a outras cousas, como por exemplo amañar o campo de fútbol.

Porque se o PP quere de verdade que se amañe o Pepe Barrera, o mellor que pode facer é poñer os 500.000 euros para a residencia sen máis voltas nin disculpas. Así o Concello podería destinar o seu medio millón de euros ao campo de fútbol, ou a outras necesidades, que hai moitas. Ou pode tamén o PP dirixirse á Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galiza para que tamén aporte para o Pepe Barrera, xa que desde o bipartito a Xunta non aportou nin un só peso para instalacións deportivas en Ribadeo.

Pero sen dúbida, e penso que é algo que comparte todo o mundo en Ribadeo, máis importante será atender ás persoas maiores que evitar que o campo de fútbol se anegue cando chove, por moito que o deporte sexa importante e os rapaces que xogan ao fútbol tamén o merezan.

No pasado mandato fixemos en Ribadeo un pavillón novo, moderno e funcional, do mellorciño que hai na provincia de Lugo, e un campo de futbol-sete de herba artificial fronte ao pavillón. Neste fixemos unha residencia para a terceira idade. No vindeiro mandato, acometeremos a reforma do campo de fútbol Pepe Barrera. Coa Xunta ou sen ela. Que non teñan dúbida os veciños e veciñas de Ribadeo.

Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación.

Exit mobile version