Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro acusa a Pedro Sánchez de ir a Lugo a apoiar a imputados e tránsfugas

Lugo, 22 de abril de 2015.- O voceiro do Grupo Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, acusou este mércores ó secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, de “saltarse o seu propio código ético” e apoiar candidatos imputados e tránsfugas, como o da alcaldía de Lugo, José López Orozco, e os candidatos da Mariña lucense, Jaime Cancio e María Loureiro.

Barreiro reprochou ao líder dos socialistas que viaxe á provincia de Lugo para apoiar publicamente” o actual alcalde da cidade e candidato á alcaldía nas próximas eleccións municipais, López Orozco, imputado por suborno e tráfico de influencias, así como á alcaldesa de Viveiro, a quen a Audiencia Provincial de Lugo abrirá xuízo oral por presunta prevaricación, e ao candidato tránsfuga de Foz, Jaime Cancio.

Neste sentido, José Manuel Barreiro lamentou a hipocrisía do líder do PSOE, que presume de ‘código ético’ e predica que non levará imputados nas súas listas, cando os feitos o desmenten completamente; por outra lado, Barreiro puntualizou que o PP é consecuente co que di e respecta a presunción de inocencia, ata que a xustiza se pronuncie, en calquera das causas abertas.

Ademais, o voceiro dos populares na Cámara Alta recordou que o candidato do PSOE á alcaldía de Foz, “é un tránsfuga avalado no día de hoxe por Pedro Sánchez, quen asistiu a un acto público para apuntalar o candidato socialista, Jaime Cancio, que militou en catro partidos políticos distintos.

Para Barreiro, Pedro Sánchez “basea a súa política no cinismo e déixao moi claro na súa visita a Lugo”, porque vai predicando que o PSOE non quere imputados nas súas listas, e logo vén a Lugo a apoiar imputados e tránsfugas.

Éncheselle a boca lanzando mensaxes e enrólase na bandeira da loita contra a corrupción, cando a súa triste realidade é a que hoxe puidemos vivir na provincia Lugo, onde veu para apoiar a candidatura de dous imputados por corrupción e dun tránsfuga”, remarcou.

Cinismo do PSOE
Do mesmo modo, o presidente do PP de Lugo lamentou que os cidadáns lucenses teñan que ver como o líder do principal partido da oposición “lles vén a dar unha mensaxe que en nada se parece ao que lle oímos predicar no Congreso dos Deputados”. “Isto só é entendible dentro da política do cinismo que o PSOE está a levar a cabo co único obxectivo de impedir que o PP goberne”, denunciou.

José Manuel Barreiro rexeitou igualmente as declaracións de hai uns días do número dous do PSOE, César Luena, nas que deixaba aberta a porta a “pactos con todos menos cun”, en referencia ao PP. “Isto, unido ao que Sánchez nos demostra día a día só significa dúas cousas: que todo vale co único obxectivo de que non goberne o PP e que, o que menos lle importa ao PSOE son os cidadáns.

Exit mobile version