Site icon Crónica3.com A Mariña

Bouza Rodil considera unha “burla” o incumprimento dun acordo sobre as medidas de seguridade viaria en Viveiro adoptado fai 6 meses

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro, Antonio Bouza Rodil, recorda que no Pleno Ordinario do Concello celebrado o 2 de outubro do 2014 se acordou por unanimidade a creación dunha comisión para estudar as medidas de seguridade a aplicar e calquera outro tema que teña que ver coa seguridade vial, coa presenza da Policía Local e tráfico e a consulta da COTOP sobre medidas de seguridade referidas ás beirarrúas.

Este acordo era a resposta a unha moción do PP relativa á seguridade do tramo que comprende dende a ponte da Misericordia ata a capela; xa que por esa beirarrúa circulan gran cantidade de veciños e veciñas, moitos deles menores de idade.

Bouza Rodil recorda que “xa pasaron seis meses dende a adopción do acordo e o goberno municipal non tivo a ben convocar a comisión e nin sequera elaborou un informe sobre a seguridade nas zonas escolares, tal e como tamén se lles solicitou e se lles reclamou en decembro”.

Nese sentido, destaca o alcaldable popular que “estamos ante un novo incumprimento dun acordo plenario por parte do goberno socialista e en consecuencia unha burla ós veciños de Viveiro e ó propio Pleno, pois de todos é sabido que estes acordos son de obrigado cumprimento polo Concello”.

O Grupo Municipal do Partido Popular reitera a necesidade de adoptar cantas medidas sexan necesarias para garantir a seguridade dos viandantes e máxime agora neste tramo de dobre sentido de circulación e, polo tanto, é previsible unha maior densidade de tráfico de vehículos”.

Os populares presentan de cara ao Pleno do mes de abril un rogo no que instan á alcaldesa a “cumprir co seu deber e proceder de maneira urxente á reclamación do informe da Policía Local demandado”.

Exit mobile version