Site icon Crónica3.com A Mariña

Cancio pide a sinalización da Basílica de San Martiño e a non privatización dos rexistros civís

O concelleiro na Corporación Municipal de Foz, Jaime Cancio Rodríguez, asegura que “dificilmente se pode atopar un bienio na historia da democracia española con tanta capacidade de destrución como o transcorrido dende a chegada de Mariano Rajoy o Goberno do Estado”.

“Os pasos de xigante dados cara á escuridade nas diferentes contrarreformas dese Goberno, así como os terribles recortes en dereitos cidadáns e sociais son dignos de rexistrar nun lamentable recordo. Mentres tanto o Goberno galego queda calado nun silencio cómplice acazapado mentres os compañeiros que gobernan dende Madrid levan a cabo unha folla de ruta reaccionaria, retrógrada e profundamente lesiva para o conxunto do Estado e, por suposto, para Galicia”.

“As contrarreformas emprendidas por Rajoy dende o Ministerio de Gallardón están obstinadas en afastar un ben tan prezado como a xustiza do acceso cidadán. Todas e cada unha das reformas na área da Xustiza conducen o mesmo lugar: taxazo xudicial, supresión de xulgados, copagos, privatizacións … Unha mostra clara constitúeno os intentos de privatización do Rexistro Civil, convertendo un servizo público necesario para a cidadanía nun foco de emprego para o sector dos rexistradores (tan próximos a Rajoy) e buscando negocio a costa de programas informáticos que pagamos todos. Os copagos establécense ata para os fitos máis importantes da nosa vida, así o rexistro de nacemento, partida de nacemento, que agora e gratuíto, pasará a custar 20 €, e una partida de defunción 40 €, casarse polo civil preto de 150 €, inscribir una comunidade veciñal 300 €…”.

É por iso que presenta unha moción para que a Corporación Municipal inste ó GOBERNO CENTRAL a que non proceda á privatización dos rexistros civís.

Sinalización da Basílica de San Martiño
A Basílica de San Martiño, está catalogada con BIC dende o ano 1931, e dende o ano 2007, foi declarada Basílica. “Dado o seu valor arquitectónico, escultórico, pictórico, así como a súa historia é o monumento máis importante da comarca da Mariña”, asegura o concelleiro Jaime Cancio, que critica que “non está sinalizada na autovía A8, como así figuran outros monumentos de España”.

Polo tanto, pide á Corporación Municipal adoptar un acordo polo que instar á Consellería de Cultura para que proceda a tramitación oportuna ante o Ministerio de Fomento para que se instale sinalización informativa de contido cultural na autovía A8 á altura do saída 524 sobre a BASILICA DE SAN MARTIÑO.

Exit mobile version