Site icon Crónica3.com A Mariña

Caxade actuará este sábado na Casa Museo Manuel María

O auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acollerá este sábado 18 ás 21.00 horas un concerto gratuíto de Caxade, o novo proxecto musical de Alonso Caxade.

A actuación enmárcase na programación dos Seráns Culturais que está a organizar a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo en distintos puntos da provincia. Para a Fundación Manuel María de Estudos Galegos acoller esta iniciativa na Casa-Museo supón continuar na súa aposta por facer da casa natal do escritor un espazo permanentemente vivo e aberto a todo tipo de propostas que busquen construír unha oferta cultural galega e de calidade.

O concerto de Caxade deste sábado, que xa despertou grande interese, terá carácter gratuíto. Porén, a organización responsábel da Casa-Museo recomenda reservar previamente entrada, dado o aforo limitado do auditorio da Casa de Hortas, emprazado na que foi a palleira grande da casa na que naceu Manuel María. As entradas pódense reservar no teléfono 698 177 621 ou a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com.

Caxade é o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pos-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico.

Exit mobile version