Site icon Crónica3.com A Mariña

Concerto “para toda a familia” na Casa Museo Manuel María

O auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá este sábado 11 de abril, a partir das 18.00 horas, un concerto do artista coruñés Pablo Díaz, que xunto a pezas xa coñecidas do seu repertorio interpretará temas do seu máis recente traballo “Xente miúda moita fartura”.

O concerto desenvólvese en horario de tarde para facilitar que sexa unha “festa familiar”, na que especialmente as máis pequenas e os máis pequenos, acompañados das súas familias, sexan os verdadeiros protagonistas. A entrada é gratuíta, porén a Fundación Manuel María de Estudos Galegos recomenda, por razóns de aforo do auditorio, reservar previamente ata o mesmo sábado no teléfono 698 177 621 ou a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com.

Seráns Culturais
Este concerto enmárcase na iniciativa Seráns Culturais da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo que se desenvolve en diferentes espazos culturais de toda a provincia.

Pablo Díaz (A Coruña, 1972) representa na actualidade unha das voces e rostros de referencia na música en galego dirixida ao público infantil, con traballos tan exitosos e con tan boa acollida de público como Tic Tac (2010) e Toc Toc (2013). Con “Xente miúda moita fartura” (2014), CD autoeditado, con ilustracións de Nicolás Fernández, Pablo Díaz continúa na súa aposta polo público infantil e familiar, particularmente orfo de produtos culturais e musicais de calidade na nosa lingua. Unha realidade xa coñecida por el desde o prestixioso selo editorial Kalandraka, en cuxos contacontos ten participado facendo o acompañamento musical.

Pablo Díaz, porén, ten unha longa traxectoria no panorama musical galego quer como intérprete quer como investigador. Fai parte de grupos tradicionais e folc como Donaire, Ruote ou Tátara Trío e ten colaborado con artistas como Susana Seivane.

Exit mobile version