Site icon Crónica3.com A Mariña

“Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos” é o lema das mobilizacións da CIG para o 1 de maio na Mariña

A CIG optou por este lema porque desde o comezo da crise se perderon en Galiza miles de empregos e, parello a isto, produciuse un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora. A este respecto cabe indicar que hai máis de 177.000 persoas que son consideradas como “ocupadas” polas estatísticas pero cuxos ingresos brutos son inferiores a 1.872 euros ao ano e con 150 euros brutos ao mes non se deberían considerar empregadas. Por iso ás 275.700 persoas desempregadas que dá a EPA a CIG engade esas preto de 200.000, co que en realidade estariamos falando de medio millón de parados e paradas.

Xunto a isto denunciamos o empeoramento da situación que constatan os datos da EPA do I Trimestre deste ano, cun aumento do paro en 11.900 persoas; o incremento do número de familias con todos os seus membros desempregados, superando as 94.000; perda de 12.900 ocupados/as; unha importante caída da poboación activa, especialmente entre os 20 e 34 anos, e unha perda de poboación en xeral.

Datos que avalan a denuncia que a CIG vén facendo desde hai anos e que o PP nega, dunha emigración masiva da mocidade que terá graves consecuencias para o futuro de Galiza.

As políticas do PP tampouco permitiron mellorar a situación económica e, de feito, Galiza crece menos que a media do Estado, un 0,4%, fronte o 1,4% da media estatal.

Fronte este panorama queremos resaltar as alternativas defendidas pola central sindical que mesmo impulsou unha ILP que chegou ao Parlamento co aval de máis de 31.000 sinaturas, pero que foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular e co voto en contra de membros do goberno Feijoo que só entraron no pleno para emitir o seu voto en contra.

Por iso, dende a CIG convidamos aos traballadores e traballadoras da Mariña a participar na manifestación que con carácter reivindicativo celebraremos como cada ano no 1º de maio. Nesta ocasión organizamos a manifestación no concello de Viveiro, no que se viviu un importante conflito laboral na fábrica de Vestas que rematou cun ERE de extinción de emprego e outro de suspensión temporal. A manifestación sairá as 12:00h. da estación de tren, para rematar na praza da Fontenova. A parte máis lúdica da xornada terá lugar ao remate da manifestación na que, aqueles que se anoten durante esta semana no local de Burela (982 581 861), asistirán a un xantar de confraternidade.

Exit mobile version