Site icon Crónica3.com A Mariña

De que presumen?

O pasado xoves, 26 de marzo, o equipo de goberno do PP aprobou en solitario os orzamentos do Concello de Burela do ano 2015.

Nunca na vida do actual concello se retrasou tanto a presentación dos orzamentos. Aprobalos no mes de marzo significa que ata o mes de maio, si todo vai ben, non se poderán aplicar e haberá que prorrogar orzamentos anteriores que na actualidade son os do ano 2012. E son do ano 2012 por que foron os últimos que cumpriron coa chamada Regra do Gasto

Para entendernos, unha vez detectado polos técnicos do concello o incumprimento de dita regra e informado o equipo de goberno, débese efectuar un Plan Económico Financeiro que indique claramente como se vai actuar para solucionar o problema. O equipo de goberno aprobou un Plan Económico o pasado mes de xaneiro e nel especificaban un límite do gasto para o ano 2015, pero no proxecto orzamentario para este ano constátase que se incumpre o límite de gasto por un importe superior os 750.000 euros. Así o indica o informe da intervención.

Total, este equipo de goberno sigue sen facer caso ás chamadas á orde para que se cumpran os requisitos legais vixentes na actualidade, e coa súa maneira de actuar comprometen seriamente o futuro económico e orzamentario do noso concello.

Por outra parte si nos fixamos na distribución das diferentes partidas ( no seu conxunto son 6.5 millóns de euros) observase que non responden ós intereses xerais dos veciños de Burela. En primeiro lugar as taxas, impostos e prezos públicos non sofren ningunha rebaixa significativa ( por exemplo, o imposto sobre vehículos un -0.5%), redúcese o tipo de gravame de IBI un 0.02% pero séguese aplicando a suba dun 10% no valor catastral, derivado da aprobación de valores realizado no ano 2006 ( o que indica que non baixa) e hai que ter en conta que dende a entrada do PP no goberno incrementáronse de algunha maneira todas as obrigas tributarias ( corresponde lembrar a suba pola taxa do lixo, a súa urxencia e aplicación, empeño persoal do Sr. Barcia) e creáronse outras novas. Así que en termos globais non hai beneficios nas cargas fiscais. Aínda que escoitando as intervencións propagandísticas do señor alcalde da a impresión de que nos quere convencer da extraordinaria sorte que temos e que lle debemos un gran favor.

Outra cuestión que chama a atención é o apartado de inversións reais que ten asignada a cantidade de 190.000 euros. Partida que está condicionada a achegas de subvencións de outras administracións ou organismos. De todos os xeitos esta cantidade é ridícula para lograr obras e infraestruturas de importancia para Burela.

Tamén se aportan 146.000 euros para financiar a obra da escola infantil. Obra que hai que financiar dende o concello pola mala xestión do señor alcalde que asumiu obrigas impropias á conta dos cartos dos veciños. A escola infantil é necesaria pero isto non debe ser escusa para lograla dun xeito calquera.

Pero onde aparece un condicionante, negativo e moi importante, para os orzamentos é a incorporación dun gasto derivado de actuacións pasadas, e que no pleno do pasado xoves se aprobou empregando o método de recoñecemento extraxudicial. Estas facturas que se inclúen sobre gastos que se fixeron sen existir consignación orzamentaria (arrendamentos, gastos correntes culturais e deportivos…) ou sen seguir o procedemento legalmente establecido así como gastos que non se atopan dentro das competencias municipais, teñen un valor de 130.000 euros e contan co merecido reparo da intervención. Aquí tamén se demostra o tipo de xestión que practica o Sr. Barcia no exercicio das súas responsabilidades.

Responsabilidade intrínseca e nada obxectiva cando reparte cartos polo método de aquí mando eu e digo o que ten que levar como subvención nominativa cada asociación, colectivo ou entidade do concello. Subvencións que contan, outra vez, con reparos dos técnicos.

Como conclusión direi que o actual proxecto orzamentario sae con taras o non cumprir a Regra do Gasto nin o Plan Económico establecido para este ano. Carecer de proxectos positivos para o conxunto da poboación, como poden ser plans de emprego, melloras en servizos básicos, impulso ás empresas, axudas de emerxencias sociais, impulso ao turismo, melloras económicas, sociais e culturais, impulso ao deporte, e sobre todo, un proxecto de desenvolvemento integral para que o noso concello recupere a súa importancia na comarca e na provincia.

Por iso nos preguntamos: de que presumen?

Alfredo Llano García. Portavoz do Grupo Municipal dos Socialistas.

Exit mobile version