Site icon Crónica3.com A Mariña

Dous eurodeputados visitarán a planta de Alcoa para “comprobar o potencial do sector metalúrxico galego”

Santiago, 15 de abril de 2015.- Os eurodeputados Pilar del Castillo e Francisco Millán inician este xoves unha visita oficial a Galicia de dous días, na que estarán acompañados polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e que lles permitirá coñecer de primeira man o potencial de dous dos sectores estratéxicos da economía galega: o metalúrxico e o da biomasa.

Neste sentido, ambos eurodeputados visitarán o xoves as instalacións da empresa Biomasa Forestal, ubicada na localidade coruñesa das Pontes de García Rodríguez. Esta compañía é líder nacional en fabricación de pellets, que elaboran a partir de biomasa de orixe galego. A empresa configúrase como un claro exemplo do potencial de Galicia neste eido, sendo a Comunidade unha das principais potencias forestais de Europa.

A biomasa representa hoxe en día o 6,4% da enerxía primaria consumida en Galicia, unha porcentaxe que o Goberno galego busca incrementar no contexto da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa Forestal, que está a poñer en valor un recurso enerxético autóctono e limpo, con capacidade para xerar riqueza e emprego no monte galego.

Xa o venres, os eurodeputados coñecerán a fábrica de Alcoa en San Cibrao, o maior complexo industrial do grupo en España e un referente do sector metalúrxico nacional e europeo.

A planta de San Cibrao emprega a 1.200 persoas configurándose como o principal motor económico e social da Mariña lucense. Cunha continua aposta pola innovación, a compañía sitúase como líder dun dos principais sectores produtivos da economía galega, que suma arredor de 3.700 empresas na Comunidade.

Exit mobile version