Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez pide ó PP que demostre o seu compromiso con Ribadeo poñendo os 500.000 euros para a residencia de maiores

Ribadeo, 15 de abril de 2015. O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, pídelle ao PP e ao seu candidato, Jesús López Penabad, “que demostren os seu compromiso con Ribadeo poñendo os 500.000 euros comprometidos pola Xunta para a residencia de maiores da localidade, que está a ser financiada na súa totalidade (2,5 millóns de euros) pola Deputación e o Concello de Ribadeo. “Basta este exemplo para ver quen está cos veciños e veciñas de Ribadeo e quen non”, respondeulle Fernando Suárez aos populares, despois de que estes presumiran, a través dunha nota de prensa, do investido pola Xunta en Ribadeo nestes anos. “O PP non ten de que presumir”, afirmou.

O alcalde nacionalista acusa aos populares de “creatividade contable” e de “inventar unha cifra coa que tentar tapar todo o que non fixeron estes anos e a súa discriminación a Ribadeo”. “Os compromisos demóstranse con feitos e non con cifras inventadas”, afirma Súarez Barcia, que convida ao PP “a mollarse”. “O PP ten ben doado demostrar, se quere, cal é o seu compromiso real con Ribadeo, non ten máis que poñer de xeito inmediato os 500.000 euros que prometeron para a residencia de maiores, porque os compromisos demóstranse con feitos, non con palabrería”, reiterou.

Fernando Suárez lembrou que para as cousas importantes para Ribadeo só estiveron o Concello e a Deputación, cunha Xunta “ausente” todos estes anos. “Para financiar os servizos sociais, para fomentar a cultura e o deporte, para atraer o turismo e promocionar e conservar As Catedrais non contamos con axuda ningunha da Xunta, foi a Deputación a que nos axudou, e iso sábeo todo o mundo en Ribadeo”, lembrou.

A quen defende o señor López Penabad?
O alcalde ribadense rexeitou entrar nunha guerra de cifras co PP sobre quen investiu máis en Ribadeo “porque os feitos están aí e falan por si mesmos”. Ademais, afirmou que “en todo caso, o pouco que a Xunta puido facer nestes anos en Ribadeo non é unha graciosa concesión, senón a súa obriga” e recordou que “a Xunta dispón dun orzamento 100 veces maior que o da Deputación, polo que pouco me parece poñer”. “O candidato do PP, o señor López Penabad parece estar contento e conforme co que puxo a Xunta, eu sempre aspirarei a conseguir máis fondos, máis servizos e máis investimentos para os meus veciños e veciñas, niso eu nunca serei conformista”, dixo Fernando Suárez, que lle preguntou ao candidato do PP “a quen defende e de parte de quen está” e pediulle unha vez máis “que se poña do lado de Ribadeo e defenda os intereses dos seus veciños e veciñas en vez de xustificar as decisións discriminatorias do seu partido con Ribadeo”.

Exit mobile version