Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz, Plataforma de Futuro anuncia o seu proxecto de creación dun consello veciñal

Foz, 16 de abril de 2015.- Foz, Plataforma de Futuro quere defender a participación cidadá na toma de decisións. Queremos construír o interese político en función dos intereses das maiorías dos veciños.
Unha política de participación dende a veciñanza, dende a asociación, dende o barrio, dende a comunidade ou dende a parroquia.
Por iso a primeira medida que vamos a tomar cando alcancemos o goberno municipal será a de poñer en funcionamento o Consello Veciñal.

Un órgano consultivo que presente iniciativas, propostas ou suxestións ao concello para ser discutidas nos Órganos Colexiados os que lles corresponda, así como colaborar nos estudios e na elaboración de programas e proxectos.

Queremos introducir no concello a democracia participativa como complemento da democracia representativa.

A democracia participativa ten como obxecto fundamental, a participación do cidadán, directamente ou a través de súas asociacións, nas deliberacións previas as decisións que deberán tomar os representantes políticos para contrapesar e influír en sentido positivo ou de interese xeral.

No pleno municipal deste concello, do 30 de xuño de 2008, foi aprobada, por unanimidade, unha moción para “a elaboración dun regulamento de participación cidadá”.

Polo tanto, traballaremos, conxuntamente coas asociacións de veciños, na xeración dunha norma de carácter orgánico onde se describan procedementos e órganos de actuación concretos que permitan esa participación veciñal, continuada e eficaz dos veciños na vida pública local.

Co fío de achegar a administración local os veciños, imos poñer en funcionamento unha oficina municipal, de xeito rotativo, polas diversas parroquias do concello. Dita proposta tamén foi aprobada en pleno municipal do 29 de maio de 2008 por unanimidade, pero pensando en instalala unicamente en Cangas de Foz. Foz, Plataforma de futuro quere que dita oficina municipal estea activa en todas as parroquias dun xeito rotativo.

Isto vai a permitir que todos aqueles pequenos trámites poidan recollerse nestas oficinas sen que os veciños se teñan que desprazar ao concello e sen esquecer que paralelamente apostaremos pola implantación de sistemas baseados na tecnoloxía que fagan chegar a información dos veciños ás diversas administracións locais dun xeito rápido e áxil.

Vamos poñer fin á vella política dos “partidos de sempre” baseada na promesa e o engano. O futuro está chegando e mentres eles seguen na loita partidista, nós seguiremos na loita da xente pola súa dignidade.

Exit mobile version