“Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías” é unha versión impresa, reducida, que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX e que sae á rúa para celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia (http://www.galiciaencantada.com), un proxecto que está na rede desde marzo de 2005.
Entre os relatos algunhas xoias inéditas como “A verdadeira historia da capadora de Cuntis “A Lorena Bobbit galega”, de Marcos Seixo Pastor, “O conto do lobo incendiario” do escritor zamorano-galego Xabier López Rodríguez, lendas urbanas que tratan do roubo de órganos, de construtores suicidas, do significado ou linguaxe das zapatillas que se colgan dos cables eléctricos, as referencias galegas da historia do home santo que é quen de colgar o seu abrigo da “vara de sol”, as propiedades da “Man de Gloria”, o amuleto que se fabrica coa man dun aforcado.
No acto de presentación fíxose especial referencia aos relatos mindonienses e mariñaos recollidos na publicación: A casa encantada de Portocelo (Xove), O pirata Xan de García (Foz), A cova de San Xoán Vello (Viveiro), A cruz de Pau da Vella (O Valadouro-Viveiro-Xove), Lendas do castro da Recadieira (Mondoñedo).
Orlando González evocou a figura humana e literaria de Eduardo Galeano polo seu recente pasamento quen, por certo, facía uso regular da literatuta oral sudamericana para “celebrar a fantasía”.
Fran Bouso falou da súa experiencia como meste coordinador de alumnos que aportan información ao libro, neste caso sobre Filomena Arias Armesto, A sabia de Torbeo (Ribas do Sil).
Francisco Piñeiro falou das lendas do seu Reguengo natal (A Fonte da Galiña) que figuran no libro e na web, e da man de Cunqueiro percorreu a actualidade dos tesouros que se esvaecen en paraíso fiscais.
Lois Pérez, poeta , mestre en Riotorto e narrador oral parafraseou cos súas historias “as mil e unha noites” e “as mil e unha fantasías” que dan subtítulo ao libro presentado.
O libro, en palabras do coordinador da edición, pretende achegar especialmente estes contidos a lectores pouco ou nada familiarizados cos temas da nosa tradición oral.
*Fotos: Marcos Candia.