Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia agarda que se concrete canto antes o proceso de compra da antiga Ecesa por parte dunha empresa solvente económica e tecnicamente

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 30 de abril de 2015.- O alcalde, José Mª González Barcia, agarda que se concrete canto antes o proceso de compra da antiga Ecesa por parte dunha firma solvente económica e tecnicamente. Ao rexedor e ao comité de empresa, co se reuniu este xoves ao mediodía, a solución do administrador concursal parécelles boa, pero consideran que hai que ser cautos.

O rexedor sinalou que “na xuntanza que hoxe mantivemos con representantes dos traballadores de Ecesa estivemos a valorar a situación que hai agora mesmo creada para buscarlle unha solución á antiga Ecesa. Desde o Concello entendemos que a solución plantexada é boa, a solución que o administrador concursal lle ten plantexado ao titular do xulgado do mercantil, que pasa pola adxudicación da antiga Ecesa a unha empresa de ámbito nacional con amplo coñecemento no mundo da minería e tamén do caolín”.

“De todos os xeitos o que lle dixemos ao comité de empresa é que hai que ser cautos porque a solución non está pechada de forma definitiva, non está concretada, non está resolta a adxudicación, pode pasar calquera cousa, pero nós somos moderadamente optimistas porque entendemos que as cousas se están a facer ben. Cremos que o comité de empresa ve con bos ollos tamén esta solución, tamén son cautos porque saben que hai que agardar unhas semanas a que isto se concrete e no caso de que a solución sexa definitiva vai significar un antes e un despois na vida de Ecesa”, indicou José Mª González Barcia.

O alcalde burelés dixo que “a empresa que se quere asentar aquí comprando Ecesa é unha empresa solvente en materia económica e técnica, é unha empresa solvente porque coñece perfectamente o mundo do caolín e da minería, non son uns arribistas, non é unha empresa que veña a explorar un negocio, é unha empresa que coñece o negocio. É unha firma que trae solucións de carácter técnico, que vai aportar un proxecto de explotación de Ecesa e un proxecto que a medio prazo quere facer rentables as instalacións de Burela. Tamén é unha boa solución porque en principio ten previsto manter boa parte dos postos de traballo que agora mesmo hai en Ecesa. Tendo en conta todas estas variables a nós a solución gústanos”.

González Barcia lembrou que “estivemos en contacto co comité de empresa no seu momento, que estivemos co comité de empresa en reunións en Lugo cos responsables da Xunta a nivel provincial en materia de minas para falar sobre este asunto en varias oportunidades, que estivemos en contacto de forma permanente coa administración concursal para ver cal era a deriva da situación. Tendo todo isto en conta e tendo en conta tamén que estivemos en contacto coa Xunta para coñecer a avaliación que fai sobre a evolución da situación nós brindámonos unha vez máis ao comité de empresa para ir con eles onda faga falla. Eles saben que contan con todo o noso apoio”.

O rexedor burelés dixo que “é unha pena que a Ecesa chegase a esta situación, pero hai responsables disto. Eu agardo e confío en que esas persoas que levaron a Ecesa a unha situación non desexada por ninguén non continúen vinculadas á empresa, porque iso sería nefasto e iso si que podería significar o peche definitivo da firma e iso non o queremos nin os traballadores, que queren seguir traballando dentro desta actividade, nin o Concello de Burela nin a Xunta, que está interesada en que a solución plantexada pola administración concursal se concrete canto antes. A Xunta quere que Ecesa continúe traballando, que sexa un proxecto viable e que se faga cargo da antiga firma unha empresa solvente tanto financiera como tecnicamente, que coñeza o sector, como é a que se plantexa como posible, e case seguro, compradora. Somos moderadamente optimistas, imos agardar a que a solución se concrete canto antes polo ben de Ecesa, polo ben dos traballadores e polo ben do noso concello”.

Exit mobile version