Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia considera “moi factible e positiva” a solución para Ecesa porque “manter a actividade é fundamental”

Burela, 18 de abril de 2015. O alcalde burelés, José María González Barcia, manifestou este sábado que ve “moi factible e positiva a solución para Ecesa que se plantexa a través da compra que ten previsto facer Miduesa, xa que prevé manter a actividade da empresa, o que vai supoñer manter se non todos sí gran parte dos postos de traballo, e isto é algo que nos satisface”.

O rexedor burelés mantivo este venres unha reunión co administrador concursal de Área Minera del Atlántico, quen lle trasladou toda a información existente hasta o momento sobre o proceso concursal e sobre a adxudicación das instalacións de Burela a Miduesa.

González Barcia afirmou que “aínda que no mundo empresarial sempre hai que ver as cousas con prudencia, o evidente é que esta é unha noticia moi esperanzadora. Quedan algúns pasos por dar, pero temos que ter confianza no traballo que se está a facer”.

Barcia manifestou que “desde o Concello, tal e como fixemos sempre, estamos dispostos a colaborar para que todo conclúa como todos agardamos. De feito, este mesmo venres nos puxemos en contacto coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas para intercambiar información”.

O PSOE minte
En relación coa nota feita pública polo PSOE, González Barcia dixo que “loxicamente admito a crítica política, pero non admito mentiras, e quen ou quenes redactaron a nota do PSOE sobre Ecesa é ou son uns mentireiros. Teño que dicir que como alcalde reuninme cos sindicatos de Ecesa sempre que mo pediron, faltaría máis; tanto é así, que moito antes de que o PSOE se enterase do conflito, a dirección comarcal de UGT daquela xa se tivera posto en contacto con este alcalde para informalo da situación. Mesmo acudín con representantes dos traballadores a unha reunión á Delegación da Xunta en Lugo, para analizar a situación da mina logo da problemática suscitada pola greta. E tamén mantiven dúas reunións, xunto co administrador concursal, co Director Xeral de Enerxía e Minas. Probablemente isto non sexa moito, pero parado non estiven”.

“Quen non fixo nada de nada, salvo cuspir sapos como fan de costume, é o PSOE, que nin tan siquera foi capaz a presentar unha moción para pedir que o Concello se solidarizase cos traballadores de Ecesa. O que demostra que o seu compromiso con Ecesa e cos traballadores foi igual a cero. Polo tanto, teño que pensar que o que din agora sobre a solución plantexada é un monumental exercicio de cinismo”, rematou o alcalde burelés.

Exit mobile version