Site icon Crónica3.com A Mariña

González Santín: “Alfredo Llano é o alcalde do futuro. Barcia, o alcalde do pasado”

IMG_6106Burela, 29 de abril de 2015.- “Alfredo Llano é o alcalde do futuro. Barcia, o alcalde do pasado”. Así de contundente comezou a súa intervención o secretario Provincial –Juan Carlos González Santín-, que estivo acompañado do secretario Xeral da agrupación socialista de Burela –Ramiro Fernández- durante a presentación da candidatura coa que o PSOE concorre ás eleccións de maio.

E é que, segundo indicou Santín, “os gobernos do Partido Popular son como a máquina do tempo. Todo o que tocan, o fan retroceder ao pasado. O alcalde actual ten crionizado o concello dende hai catro anos. Por iso, Alfredo será o punto de inflexión que necesita Burela para que este municipio volva a recuperar o prestixio que tanto traballo lles custou aos socialistas conseguir”, afirmou.

Proba delo, indicou o alcaldable, é que os populares “iniciaron a construción dunha nova gardeiría infantil, que si é necesaria, pero que o fixeron da peor forma posible, asumindo competencias impropias”. Concretamente, manifestou Llano, o actual equipo de goberno “obriga ao concello, é dicir, a todos os veciños, a pagar o 40% do custe das obras, e tamén a facerse cargo do mantemento e xestión do centro, cando esas son responsabilidades da Xunta de Galicia”. “Puxo os intereses do Goberno galego e do Partido Popular por riba dos burelenses, como tamén o fixo coa imposición da Área Sanitaria Integrada; un asunto no que mirou para outro lado, e que está supoñer un gravísimo deterioro da sanidade en Burela, tanto no hospital como na atención primaria”, apuntou o candidato socialista.

Por iso, sinalou que o seu obxectivo como aspirante á alcaldía é “acadar, xunto coa participación dos cidadáns, un concello harmonioso, forte, transparente, con todos os servizos básicos e con grande proxección de futuro, tanto no económico, como no social”.

Programa feito para os veciños
Deste xeito, a súa proposta é, “antes de nada, devolver a confianza e a cercanía aos veciños, recuperar a transparencia, a participación, a honestidade e un escrupuloso respecto á legalidade; en definitiva, todo os que nos caracterizou durante os catro anos que gobernamos”.

“A finalidade é o desenvolvemento integral de Burela e, para iso, centraremos os esforzos na xente máis nova”. A este respecto, anunciou a creación dun plan de emprego propio, ou en colaboración con outras administracións, así como políticas que faciliten o asentamento de empresas tanto no eido da pesca, como no comercio; “os dous piares fundamentais da nosa economía, traballando sempre da man das organización empresarias e comerciais”, suliñou.

“Queremos tomar medidas para crear postos de traballo, atraer e reactivar empresas, impulsar o tecido comercial, apoiar o sector pesqueiro, potenciar o turismo e dinamizar Burela, pois, no actual mandato, o goberno do Partido Popular non traballou absolutamente nada, nin rematou unha soa obra en catro anos”, criticou.

Así mesmo, Llano adiantou que, se acada o apoio da cidadanía o 24M, eliminará as subvencións outorgadas de xeito nominativo ás asociacións e colectivos, aplicando, pola contra, o procedemento de concorrencia competitiva, “é dicir, con criterios obxectivos e transparentes”. Dentro dos compromisos programáticos que presenta o socialista, tamén se inclúe a revisión de todos os impostos e a solicitude dunha nova revisión catastral, pois a actual data de 2006.

Por outra banda, potenciará o funcionamento do porto comercial; “un dos polos da actividade económica do noso concello”, e mediará en conflitos como pode ser o de ECESA para que retome o seu funcionamento canto antes. Neste senso, indicou que é preciso completar a ocupación da área industrial do Perdouro, “que xa impulsamos durante o noso mandato”, ademais da rehabilitación de varias rúas; a peonalización dalgunhas zonas da vila; a mellora da circulación vial, das instalacións deportivas e das praias; o aforro enerxético; e o fomento das axudas á dependencia e o servizo de axuda no fogar.

50% de renovación
A lista, coa que Alfredo Llano se presenta aos comicios, está formada por 13 titulares e tres suplentes. Destaca a incorporación dos números tres, catro, seis, nove, dez, doce e trece; “caras novas que lle dan ese punto de renovación que fai que hoxe poidamos ofrecer este proxecto que xurde do consenso e do convencemento de que existe outra forma de facer política, que non é outra que a de estar ao carón da xente”, indicou Llano. A candidatura, cuxa renovación se sitúa no 50%, pois, ademais dos indicados, o segundo suplente tamén é novo, é a seguinte:

1.- Alfredo Llano García

2.- Ramiro Fernández Rey

3.- Patricia Otero Rodríguez

4.- José Díaz García

5.- Angélica Gómez Sánchez

6.- Ramón Vázquez Andrade

7.- Noelia María Ben Vázquez

8.- Carmen Edith Ángeles Chumacero.

9.- Manuel José Fernández Rodríguez

10.- Luis García Suárez

11.- Marta María Amenedo Castiñeira

12.- María Luz Cordido Pernas

13.- Pedro Chao Polo

Suplentes:
1.- Ramón Ramos Sánchez

2.- Adolfina Campo Locay

3.- Lucas Moreno Torres

Exit mobile version