Site icon Crónica3.com A Mariña

González Santín e Lara Méndez apoian a Emilia Seoane como candidata á alcaldía de Riotorto cunha lista renovada ó 90%

psoe-riotortoRIOTORTO, 25 DE ABRIL DE 2015.- O secretario Provincial –Juan Carlos González Santín- e a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo –Lara Méndez- participaron este sábado na presentación da candidatura do PSOE de Riotorto que encabeza Emilia Seoane.

González Santín manifestou “o seu total apoio á lista e á candidata socialista” e afirmou que é a única alternativa de futuro para o municipio”. Neste senso, animounos a seguir traballando na mesma liña que o viñan facendo ata o de agora e a loitar por acadar a alcaldía “co obxectivo de garantir todos os servizos que demandan os veciños e veciñas do municipio”. “Ao contrario dos Gobernos central e autonómico, nós estamos coa cidadanía e non permitiremos que continúen a desmantelar servizos esenciais para o municipio como o sanitario. Nós queremos garantir dereitos básicos dos veciños e veciñas de Riotorto”, engadiu.

Pola súa banda, Lara Méndez asegurou que “o gran traballo feito dende o equipo de goberno, e as propostas e o compromiso para seguir mellorando Riotorto levarán á candidatura socialista a obter a maioría suficiente para liderar un proxecto de futuro para este concello”. “Boa proba de que os socialistas temos outra forma de gobernar dáse en Riotorto. Mentres o Partido Popular tivo durante anos paralizada a reforma da estrada provincial de Marco de Álvare, nós puxemos en marcha e acometemos este proxecto, cun esforzo inversor de 1,6 millóns de euros, para responder a unha demanda histórica dos veciños”, asegurou a vicepresidenta.

Proxecto de futuro contra o despoboamento
A alcaldable márcase como obxectivo fixar a poboación no municipio, “para o que hai que garantir os servizos públicos no rural e crear emprego de calidade, así como favorecer o autoemprego para que a nosa mocidade non se vexa na obriga de marchar”.

Seoane aproveitou a ocasión para agradecer ao seu número dous “o traballo feito ao longo dos últimos anos, xa que grazas a José García conseguíronse moitas inversións para dotar de novos servizos ao municipio, o que permitiu mellorar a calidade de vida dos veciños”.

Neste senso, os socialistas de Riotorto destacan os investimentos levados a cabo polo goberno da Deputación, respondendo ás demandas dos veciños, como a obra da estrada que une Riotorto coa capital ou o desbrozamento de 250 quilómetros de pistas forestais e o acondicionamento das máis degradadas, o que foi posible grazas a un convenio co ente provincial.

A alcaldable manifestou que quere gobernar Riotorto “contando coa participación dos veciños e veciñas na vida política do concello, para garantir así o fluxo de información e coñecer de primeira man as súas necesidades ou inquedanzas”.

Renovación ó 90%
Trátase dunha lista renovada nun 90% na que se combina a xuventude coa experiencia, xa que como afirma a candidata “apostamos pola renovación pero tamén queremos contar con todos os que anteriormente formaron parte da familia socialista de Riotorto e, dende logo, é un orgullo contar con todos eles”. A lista completa da candidatura do PSOE é a seguinte:

1.- Emilia Seoane Prieto

2.- José García Freije

3.- Beatriz Díaz Lois

4.- Alberto Gómez López

5.- Marcos García Freire

6.- María Josefa Maseda Villasuso

7.- Pedro Saldanje Núñez

8.- José Moirón Alonso

9.- Gabriel Fernández Dasrribas

Suplentes:
1.- Santiago Rodríguez Saco

2.- Daniel Bouso Rodríguez

Exit mobile version