Site icon Crónica3.com A Mariña

Iberia e o Concello de Ribadeo asinan un acordo para a promoción do ‘Ribadeo Indiano’ que se celebrará entre o 10 e o 12 de xullo

Ribadeo, 30 de abril de 2015. Iberia e Concello acaban de asinar un acordo comercial para a promoción do Ribadeo Indiano. O alcalde, Fernando Suárez, destacou que deste xeito se exploran novos camiños para facer de Ribadeo, un lugar máis coñecido, máis visitado e máis internacional”.

O rexedor explicou que “nesta nova andaina que iniciamos nestes últimos tempos de proxectar a imaxe de Ribadeo no mundo, desde o punto de vista turístico e desde o punto de vista de que hai moito que ver e moito que facer e despois de todos os contactos que fixemos na feira de Fitur en xaneiro pasado, continuamos a dar pasiños pequenos, con humildade, modestos, pero entendo que ao mesmo tempo potentes e esperanzadores”.

Suárez Barcia sinalou que “acabamos de asinar un acordo comercial entre Iberia e o Concello para a promoción dun evento singular como é o Ribadeo Indiano, este evento que se creou o ano pasado aquí en Ribadeo co esforzo de todos e que quere seguir medrando e consolidándose. Estou seguro de que seguirá a traspasar fronteiras e que moita xente de Galicia e do Estado, e oxalá que fora del tamén, poidan acudir á segunda edición no verán”.

O alcalde subliñou que “todos os vós de Iberia que cheguen aos aeroportos de A Coruña, Santiago ou Asturias cinco días antes ou cinco despois do Ribadeo Indiano terán un 15% de desconto sobre as tarifas dispoñibles en Iberia.com. O Concello comprométese a nomear a Iberia como transportista aéreo preferente, a inserir a súa imaxe na nosa páxina web, acondicionaremos a nosa web coa incorporación dun link á paxina de Iberia.com, a través da cal os asistentes ao Ribadeo Indiano poidan xestionar os seus billetes”.

Fernando Suárez engadiu que “estamos a ultimar os detalles para facer este Ribadeo Indiano, si cabe, máis importante, con máis xente.
Descoñecendo o número de persoas que poidan chegar á nosa vila por esta vía estamos iniciando e explorando novos camiños con estas posibilidades que temos para facer un Ribadeo máis coñecido, un Ribadeo máis visitado, un Ribadeo máis internacional, en definitiva para mellorar o comercio, os servizos, os hoteis, a restauración ou a hostalería. Este é o noso obxectivo”.

Exit mobile version