Site icon Crónica3.com A Mariña

Khitara repasa o rock das pasadas décadas este sábado en Viveiro

O vindeiro 25 de abril ás 21.00 horas, Khitara estarán no Teatro Pastor Díaz de Viveiro coa súa peculiar visión do rock das pasadas décadas.

Khitara é un novo proxecto de Jose Carballido no que o compositor e intérprete revisa grandes clásicos dalgunhas das máis importantes bandas de rock da historia (Deep Purple, Led Zeppelin, Queen, Scorpions, Metallica…) adaptándoos a unha agrupación de dúas guitarras clásicas, dúas eléctricas e un caixón flamenco. O resultado é unha sonoridade única e moi interesante que combina a dozura das guitarras clásicas coa forza das eléctricas de tal xeito que os temas interpretados acaban converténdose en novas obras.

A formación que acompaña a Carballido (voz e guitarra eléctrica) é unha escolma dalgúns dos mellores músicos da nosa Comunidade: Mónica Pita e Xosé Antonio Rodríguez ás guitarras clásicas, Daniel Añón á eléctrica e Diego Lestón ao caixón flamenco e instrumentos de pequena percusión.

A especial sonoridade do quinteto – alonxada do rock máis tradicional – fai que Khitara: unha viaxe íntima pola historia do rock, sexa un espectáculo recomendado para toda clase de públicos.

O número de teléfono no que nos poden contactar é o 686 666 148.

Exit mobile version