Site icon Crónica3.com A Mariña

Lara Méndez e José Ramón Val Alonso apoian a Jorge Val Díaz como candidato á alcaldía de Alfoz

ALFOZ, 30 DE ABRIL DE 2015.- A vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo –Lara Méndez- e o deputado autonómico –José Ramón Val Alonso- participaron este xoves na presentación da candidatura do PSOE de Alfoz que encabeza Jorge Val.

Lara Méndez destacou a capacidade da candidatura socialista de Alfoz “para sacar a este concello da parálise absoluta que provoca o goberno do Partido Popular, que dificilmente mantén as necesidades básicas do municipio”. “Os socialistas sabemos como sacar Alfoz adiante, somos unha alternativa solvente. Así o demostramos na Deputación. Con nós, A Mariña pasou a ser, mentres que co PP estaba esquecida”, subliñou a vicepresidenta, engadindo neste senso “que puxemos en marcha proxectos que aproveitan os recursos propios para impulsar o crecemento”. Como exemplo puxo a creación no Valadouro da primeira escola pública de horticultura de Galicia, ademais de lembrar a posta en marcha dos parques de bombeiros, o investimento de 2,8 millóns en residencias da terceira idade e o mantemento do Servizo de Axuda no Fogar e a teleasistencia.

Necesidade de cambio
Pola súa banda, Val Alonso asegurou que “a candidatura socialista representa o cambio necesario para Alfoz, que tras 30 anos de goberno do PP perdeu poboación a pasos axigantados, preto de 1000 habitantes menos, o que implica menos recursos e, polo tanto, peores servizos para a cidadanía.” Por iso, o deputado manifestou “a necesidade dun cambio no goberno do municipio xa que ante esta situación de despoboamento, o alcalde popular adoptou unha posición de inmobilismo, pasividade e nulo apoio aos sectores produtivos”. Neste senso, lembra os problemas que está a sufrir o sector lácteo e gandeiro, que en Alfoz afecta a 167 explotacións e 2.000 cabezas de gando vacún, que están a vender o leite por debaixo dos custes de produción.

O deputado socialista afirmou que” a candidatura do PSdeG de Alfoz está integrada por xente moi comprometida e honesta, que sempre traballou de xeito altruísta por mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas”. “Fronte esta dedicación en pro da cidadanía dos socialistas, atopamos ó goberno do Sr. Feijoo que o único que está a provocar é un grave retroceso da comarca da Mariña co peche de empresas, ERES, perda de servizos públicos, recortes de facultativos sanitarios, etc.”, concluíu.

Proxecto socialista para evitar o despoboamento
O alcaldable márcase como obxectivo fixar a poboación no municipio, sobre todo, lograr que a nosa mocidade se manteña no concello en lugar de ter que marchar debido á falta de oportunidades laborais, de vivendas dispoñibles e de solo industrial para os emprendedores. “Traballaremos para que a xente nova non se nos vaia”

Ante esta situación, o proxecto socialista baséase na loita pola aprobación do Plan Xeral para poder facer vivendas no municipio, para poder edificar e que a mocidade do concello non marche a vivir a outras localidades”. Outro dos piares dos obxectivos dos socialistas é acabar coa concentración parcelaria xa que, “son moitos os veciños e veciñas que se ven afectados pola situación ao querer mercar ou vender unha finca ou querer construír unha casa”.

Acabar coa parálise do polígono industrial
Asemade, o trazado de futuro para Alfoz plantexado polos socialistas, inclúe a execución do polígono industrial, “para a instalación no municipio de novas compañías que permitan o mantemento do emprego e a creación de postos de traballo”, explicou Jorge Val. “Unha execución que teñen paralizada os gobernos do PP, da Xunta e do concello, e que están a impedir o desenvolvemento do municipio e, en definitiva, na mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, engadiu.

Os membros da candidatura presentada hoxe, que traballarán con ilusión por solucionar os problemas do concello, son os seguintes:

1.- Jorge Val Díaz

2.- María Carmen Hermida Vizoso

3.- Cándido Paleo Rejes

4.- Ana Belén Díaz González

5.- Elias Pardero Cayón

6.- Justo Juan Maseda Paz

7.- Ramón Rubal Fernández

8.- Erik Martínez Barreira

9.- María Carmen Sisto García

Suplentes:
1.- Xosé Ramón Yanes Gasalla

2.- Carlos Sanjurjo Lorenzo

3.- José María Expósito Rodríguez

4.- Pedro Carreiras Vizoso

5.- José Ramón Vizoso Goás

Exit mobile version