As artes plásticas e a literatura son dúas disciplinas que ao longo da historia camiñaron moitas veces da man. Cando visitamos as igrexas e catedrais románicas explícannos como as decoracións dos capiteis e os retablos tiñan en moitas ocasións o obxectivo de contarlles un capítulo das Escrituras ou unha ensinanza moralizante ás xentes humildes que non sabían ler a palabra escrita pero si entendían o que os debuxos ou os relevos tallados amosaban.
Nos manuscritos medievais desenvolveron a súa arte os miniaturistas −ilustradores ou iluminadores− que debuxaban nas marxes das páxinas e as letras capitais do principio do texto. Estas obras tiñan de novo, xunto co valor ornamental, a función de axudar a comprender o texto e mesmo de axudar a atopar parágrafos dunha obra relacionados con certos debuxos. Esta arte foi unha das principais que se desenvolveron durante a Idade Media.
Son só dous exemplos do profundamente unidos que están os libros, a literatura e as artes plásticas. Actualmente en Occidente a poboación está na súa totalidade alfabetizada e non é necesario acudir á imaxe para suplir o texto escrito, pero si para completalo e enriquecelo. A relación entre a letra impresa e a ilustración vive actualmente un momento moi doce, prolífico e rico. Esta relación amosa diferentes formatos: o cómic, no que o peso da narración recae sobre o debuxo que o texto completa, a novela gráfica e o álbum ilustrado, no que ambos sosteñen a historia por igual ou o libro ilustrado, no que as ilustracións completan o narrado na escrita etc. En calquera destes formatos atopamos agora mesmo obras de gran calidade e con moita aceptación por parte do público. Vai cambiando a sensibilidade de anos atrás que relegaba a función da imaxe a puro adorno ou a facilitar a lectura para os nenos pequenos e vai gañando a conciencia de que a ilustración, o debuxo nos libros, pode achegar tanto coma o texto e, sobre todo, que ambos complementados, enriquecen a narración que o libro nos propón e a experiencia lectora.
Por este motivo, na librería Bahía optamos por celebrar o Día do Libro cunha exposición da ilustradora Minia Regos, que se inaugurará o día 24 de abril ás seis da tarde cun obradoiro de ilustración para nenas e nenos a partir de seis anos.
Celebramos, por tanto, que coincida na Mariña neste mes de abril a Festa do Libro e a Festa das Artes e animamos a todos os mariñáns a celebrar ambas mercando un libro na súa librería e visitando a exposición que os nosos artistas nos ofrecen no CENIMA de Foz.
Cielo Fernández. Libreira