Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra en relación ao fin do sistema de cotas: “Estamos ante a confirmación dun fracaso anunciado”

leitecotas_RdP_PEBruxelas, 21 de Abril 2015.- As eurodeputadas de Esquerda Plural, Lídia Senra (Alternativa Galega de Esquerda en Europa, AGEe) e Ángela Vallina (Izquierda Unida, IU) ofreceron na mañá deste martes en rolda de prensa no Parlamento Europeo unha análise sobre as perspectivas do sector leiteiro logo da liberalización total de mercado provocada pola finalización do sistema de cotas lácteas.

Senra e Vallina estiveron acompañadas por Antón Sánchez García, Deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e membro da Comisión de Agricultura no Parlamento Galego, e Juan José Menéndez García, gandeiro e agricultor militante de Izquierda Unida (IU) en Asturias.

“Entendemos que prescíndese dunha ferramenta para a xestión do mercado lácteo”, encetou a eurodeputada asturiana Ángela Vallina, e que ca desaparición do sistema de cotas e a desregularización do mercado “faise inda máis complicado a supervivencia das pequenas explotacións, dos modos de vida tradicionais no medio rural, incrementando o despoboamento”.

Retomando esta premisa, Antón Sánchez destacou que para Galiza “é fundamental que as políticas de desenvolvemento rural estean focalizadas en fixar poboación”, xa que sería o xeito de “rematar ca tendencia deste últimos anos ao envellecemento, abandono e masculinización do medio rural”. O sector leiteiro revélase imprescindíbel nesta sinerxia de cambio, xa que xera “preto do 50% da produción láctea do Estado español e é a oitava rexión produtora da UE, contando con 9.000 explotacións tecnificadas”. Modernizadas, “tal é como se lles guiou dende as institucións cas políticas de intensificación”, como lembrou o eurodeputado de AGE, e que agora “moi endebedadas, teñen que sufrir que non exista un marco normativo que impida o abuso da posición de dominio da industria e da distribución”.

“Hoxe en día as gandeiras e gandeiros están a asinar contratos con prezos que non cubren custos de produción”, co que “podemos estar asistindo á continuidade dunha ‘reconversión silenciosa’ do agro galego, cara un modelo de cada vez menos explotacións e máis grandes”. Entre o 2007 e o 2013, incidiu o deputado de AGE, “pasamos de ter 9.000 explotacións con titulares menores de 40 anos a tan só 4.000, case se reduciu un 50% a poboación moza no agro galego.” Fronte a esta situación, “queremos un medio rural vivo, que aproveite todas as potencialidades do noso país”. É para aqueles que argumentan que esta situación é a propia do “libre mercado”, “non hai libre mercado para quen ten que asinar o contrato que se lle impón e non ten capacidade para negociar”, ilustrou Sánchez.

O gandeiro asturiano Juan José Sánchez Menéndez, valorou que en toda a denominada Cornisa Cantábrica “existe unha grande inestabilidade”, e a desaparición do sistema de cotas “produce unha incerteza total de cara ao futuro”. “As institucións teñen que facer políticas activas e realistas na visión xeral a nivel estatal e europeo”, esixiu. Juan José Sánchez reivindicou tamén a importancia de “garantir a continuidade das explotacións familiares, conseguir empregos e prezos dignos que cubran custos de produción e remuneren o traballo, xerando emprego e alimentación de calidade”. Denunciou tamén o inxusto da situación actual, na que a industria láctea “está apretando ás gandeiras e gandeiros”, ofertando contratos con prezos por embaixo dos 0.21 €/l, “metendo presión, ameazando con que se non se asinan eses contratos deixaranlles de recoller o leite”.

“Estamos ante a confirmación dun fracaso anunciado”, así de contundente amosouse a eurodeputada de AGEe Lídia Senra en relación ao panorama actual do sector leiteiro. “É a confirmación do fracaso que significa privatizar a política leiteira da UE; o fracaso de abandonar todo tipo de regulación tanto de produción como de mercado, para deixar ás produtoras e produtores nas mans dos intereses das grandes industrias leiteiras da UE”. Senra apelou á “memoria histórica” para lembrar que no ano 2008 a Comisión Europea “vendeu” a denominada “aterraxe suave”, que permitía aos estados ir ampliando a súa produción até o 2015, provocando un incremento da cota leiteira. Porén, “ao tempo que isto acontecía, íanse sucedendo as crises no sector a nivel europeo”.

No 2009 tivo lugar unha crise “durísima” que conlevou grandes mobilizacións e incluso folgas a nivel europeo, “obrigando á propia Comisión Europea a debater novas medidas, dando lugar ao denominado ‘paquete lácteo’ que, a día de hoxe, confirmamos que é outro fracaso”. A través deste ‘paquete’ establecéronse “o contrato e a creación de organizacións de produtores”, xa que, segundo a Comisión Europea, deste xeito melloraríase a capacidade de negociación, sen embargo “dende que son deputada neste Parlamento, dende o mes de xullo, continuamente na Comisión de Agricultura estamos falando da situación de crise que estamos a vivir en moitos Estados en relación ao prezo do leite e á situación dos contratos”.

A estas alturas, proseguiu a eurodeputada galega, é obvia tamén “a fraxilidade na que se deixa ao sector produtor cando dende as políticas públicas priorízase a exportación”. A cacareada demanda de China “non aumentou na medida que os ‘gurús’ da política leiteira europea predicían”, ao que hai que engadir o efecto do “veto” ruso. Así, “atopámonos cun forte aumento da produción leiteira europea logo da ‘aterraxe suave’, pero o mercado non está a absorber a cantidade de produto que se nos dixo que ía a absorber”.

Na actualidade “avanzamos cara un modelo de produción totalmente intensivo”, abondou a eurodeputada, “destrutor da pequena e mediana explotación leiteira”. Este modelo de concentración “en grandes unidades de produción”, moi similar ao que hai nestes momentos nos Estados Unidos, levaranos “nun horizonte non moi lonxano”, a un escenario “onde 15.000 fábricas de leite con 1.000 vacas cada unha producirían o que hoxe producen 650.000 explotacións na UE”, advertiu Lídia Senra.

Fronte a esta situación, concretou, “dende o grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)”, onde está integrada a delegación da Esquerda Plural, prantéxase “a necesidade de que se abra un debate no propio Parlamento ao respeito do futuro do sector tras a finalización das cotas, e con ese obxectivo promovimos unha ‘pregunta oral'[1] á Comisión e ao Consello Europeo que agardamos se debata proximamente nun pleno parlamentario”.

Ademais, a eurodeputada de AGEe enunciou as medidas para o sector propostas dende a Esquerda Plural, “pretendemos que haxa medidas de regulación da produción e mercados, unha redistribución do dereito a producir en toda a UE que garanta moitas e moitos produtores de leite producindo en explotacións de dimensión humana e orientadas a satisfacer o consumo interno da UE, producindo en base á terra e aos pastos da UE.” Senra reiterou novamente que “non ten sentido” o modelo actual de produción “en base á soia importada, condenando á fame aos países do Sur que precisan esa terra para alimentarse a si mesmos”; este sistema provoca excedentes na UE, “que logo son enviados aos mercados internacionais, co que arruínase non só ás explotacións da UE, senón tamén ás do resto do mundo”.

Xuntanza ca Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural
Tras a rolda de prensa Lídia Senra, Ángela Vallina, Antón Sánchez García e Juan José Menéndez García mantiveron unha xuntanza de algo máis dunha hora co Director Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Jens Schaps.

Logo de expoñerlle as claves básicas da situación do sector leiteiro a nivel estatal e europeo e, nomeadamente, as consecuencias que a liberalización de mercado están a acarrear para o agro galego e da Cornisa Cantábrica, Schaps mantivo a posición tradicional da Comisión Europea argumentando a necesidade de seguir orientando a produción leiteira cara a “competitividade”, avogando por explotacións sobredimensionadas orientadas á exportación.

“Se realmente están convencidos do que nos din, vostedes viven nun mundo irreal”, espetou Senra, “propoñer que a solución está en que os produtores e produtoras, por si soas, van vender mellor nun mercado totalmente desreguralizado é unha falsedade”.

Exit mobile version