Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Ángel Otero Legide será o número 2 na candidatura do PP á alcaldía de Mondoñedo

Lugo, 1 de abril de 2015.- Manuel Ángel Otero Legide (Manolo de Xannetos) será o número dous na candidatura do Partido Popular á alcaldía de Mondoñedo. Así o anunciaron este mércores dende a formación local.

Otero Legide é unha persoa vinculada dende sempre a Mondoñedo e dende fai décadas ao partido. Naceu o 28 de agosto de 1960 (ten 54 anos) na localidade, onde na actualidade é un dos responsables do negocio familiar Almacenes Otero S.L. (Xannetos), dedicado a ferraxería e material de construción.

“Erguer Mondoñedo”
Técnico de Administración de Empresas, é afiliado do Partido Popular dende fai máis de 34 anos e na actualidade forma parte do Comité local. É a primeira vez que integra unhas listas electorais e faino cun obxectivo claro, “o de erguer a Mondoñedo”.

O número dous da candidatura considera que a falta de emprego é unha das principais preocupacións dos mindonienses polo que asegura que os esforzos se deben centrar en “crear postos de traballo e, por conseguinte, asentar poboación na localidade”. Otero Legide resalta a importancia de estar en contacto coa xente “de atendela e traballar cóbado a cóbado”, por iso di que “a familiaridade é fundamental e para iso hai que atender a todas as propostas tanto individuais como de asociacións ou colectivos”.

Vinculación coa localidade
Manuel Ángel Otero Legide sempre estivo comprometido coa localidade e forma parte de asociacións dirixidas a desenvolver iniciativas en Mondoñedo, que permiten a súa dinamización, como é a de entidade que celebraba o Curso Internacional de Musicoterapia, tamén presidiu a Cruz Vermella.

Pola súa banda, Elena Candia eloxiou este compromiso e vinculación de Otero Legide con Mondoñedo tal e como demostra a súa traxectoria. A alcaldable resaltou a capacidade de traballo do seu número dous e, sobre todo, a responsabilidade coa que asume cada unha das iniciativas coas que se involucra. Neste senso, Candia agradece a dispoñibilidade de Otero Legide para encamiñarse nun proxecto que “busca traballar pola localidade, dinamizala e volver a colocar a Mondoñedo onde se merece”.

Exit mobile version