Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro destaca o éxito da Semana Santa de Viveiro

Tras finalizar a celebración da Semana Santa a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, quere “agradecer publicamente a todos aqueles que fixeron -co seu traballo, participación ou asistencia- que a Semana Santa de Viveiro fose un gran éxito, cunha ocupación hoteleira acadou o 100 % e unha valoración máis que positiva por parte de todas as partes implicadas. Nestes días, nos que o bo tempo permitiu que todas as procesións saíran á rúa, Viveiro estivo ateigado de veciños e visitantes que, desfrutando destas datas, comprobaron que a nosa Semana Santa é xusta merecedora da súa distinción como Festa de Interese Internacional”.

“Grazas, polo tanto, a todos os confrades e membros da Xunta de Confrarías da Semana Santa, a veciños e visitantes, ao persoal municipal e voluntarios e, en definitiva, a todos aqueles que colaboraron ou participaron nesta celebración”., di.

Novo Plan de Tráfico
Igualmente quere “agradecer a todos os veciños que pacientemente sufriron as obras necesarias para que o novo Plan de Tráfico de Viveiro fose unha realidade e que, coa mesma paciencia, colaboraron na súa implantación. Tras a súa posta en funcionamento, conscientes de que todos os cambios supoñen, inicialmente, certa confusión, avaliarase a súa execución coa finalidade de valorar se todas as medidas adoptadas funcionan segundo o previsto ou se, pola contra, é necesario realizar algunha modificación; nestes días, estamos a escoitar a veciños e colectivos para atender as súas propostas e, entre todos, establecer un Plan de Tráfico que garanta a correcta circulación do tráfico rodado en Viveiro para que, o noso municipio, siga sendo un referente turístico”.

Exit mobile version