Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Outeiro inaugurou no Museo Provincial de Lugo a exposición ‘Pintura Galega Gontemporánea. Colección de Álvaro Gil Varela’

IMG_8881Lugo, 30 de abril de 2015.- O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presidiu na tarde deste xoves na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo a inauguración da exposición ‘Pintura Galega Contemporánea. Colección de Álvaro Gil Varela’. No acto tamén participaron Carlos López Gil, representante da familia Álvaro Gil; Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial; e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Lago e Balseiro son as coordinadoras desta mostra.

Mario Outeiro felicitouse de que, despois do regreso da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil, “os veciños e veciñas de Lugo e a súa provincia poidan tamén gozar agora desta colección de pintura, que se enmarca na colaboración que se asinou hai xa case tres meses cos herdeiros do filántropo lucense. Estamos moi contentos desta colaboración e da boa sintonía que existe na actualidade coa familia Álvaro Gil”, salientou o responsable de Cultura e Turismo do organismo provincial.

Outeiro explicou que esta exposición “componse dunha selección de 61 obras de 21 autores, cuxa produción abrangue os séculos XIX e XX. Trátase de relatos, paisaxes ou escenas costumistas sobre diversos soportes, elaborados con diversas técnicas, desde o gravado ata óleos, acuarelas, mixtas, entre outras”, afirmou.

Castelao ou Laxeiro, entre outros
Finalmente, o responsable de Cultura enumerou os artistas representados nesta exposición de pintura galega contemporánea de Álvaro Gil. “Xunto a Julia Minguillón, a única muller, poderanse contemplar obras de pintores tan notables como Baixeras Verdaguer, Agustín Redondela, Alfredo Souto, Arturo Souto, Amando Suárez Couto, Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Llorens, Carlos Maside, Colmeiro, Castelao, Corredoira, Dionisio Fierros, Tino Grandío, Jenaro Pérez Villamil, José Frau, Juan Luis López García, Seoane, Pacios, Laxeiro e Luís Mosquera Gómez”, concluíu.

Exit mobile version