Site icon Crónica3.com A Mariña

Maxia, xogos e teatro despois do tradicional desfile da Festa do Maio este venres en Lourenzá

Lourenzá, 29 de abril de 2015. A Festa do Maio organizada polo Concello de Lourenzá para este venres, día 1, contará nesta ocasión cun espectáculo infantil de maxia, xogos e teatro, que terá lugar na praza do Conde Santo despois do tradicional desfile.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que “o Maio, como é tradicional cada ano, desfilará polas principais rúas da vila na tarde do 1 de maio, que neste caso é o vindeiro venres. Sairemos do mercado gandeiro arredor das 4 e media da tarde e todo o percorrido irá acompañado polos alumnos da Escola Municipal de Música e Danza Osorio Gutiérrez. Finalmente temos prevista unha actuación na praza do Conde Santo, da compañía A Illa dos Nenos, que presentará o espectáculo Ledicias: unha combinación de maxia, xogos e teatro para os máis pequenos do concello. Toda esta programación está suxeita ás condicións meteorolóxicas, xa que hai previsión de chuvia e polo tanto no caso de que o tempo fora adverso teríamos que suspender o desfile, pero manteríase o espectáculo, que se trasladaría da praza ao salón de actos municipal”.

Lupe Florez engadiu: “queremos agradecer de xeito especial dende o Concello aos alumnos da escola municipal de música e danza, que sempre se prestan a acompañarnos no percorrido do desfile do Maio; tamén a todos aqueles veciños que na xornada previa axúdannos a engalanar o carro, á figura do Maio e ademais aos que dende as súas casas lanzan lambetadas aos nenos que pasan no desfile. Por outra banda, o espectáculo chega a través de Cultura no Camiño, un circuíto da Xunta de Galicia, concretamente de Agadic, e está patrocinado por Gadis”.

Exit mobile version