No encontro celebrado no seminario participaron axencias de viaxes tanto galegas como españolas (Exclusive Spain Tours, Viajes Mundo Galaico e Elige Tu Viaje) que ven en Mondoñedo “perfectamente” un destino turístico “moi atractivo e que non está nada explotado”.
En concreto, o director de contratación de Elige Tu Viaje (un dos turoperadores máis importantes a nivel provincial e nacional), Iván Rodríguez, explicou que se está nun momento no que é necesario “diversificar e non vender sempre o mesmo. Necesitamos máis contido á hora de ofertar destinos e grazas a iniciativas como estas coñecemos novos recursos. Estamos empezando con ilusión a operar na Mariña e ata agora, por exemplo, de Mondoñedo incluíamos soamente visitas a catedral e hoxe puidemos coñecer novos recursos”.
Así, os populares sempre consideraron que a estratexia a seguir é a de convencer aos expertos (axencias e turoperadores) a que “traian xente a Mondoñedo, co obxecto de potenciar o turismo local”. E hoxe, “a ilusión das axencias de viaxes con Mondoñedo quedou clara”. A II Xornada de Turismo celebrada en Mondoñedo incluíu visitas guiadas polo museo catedralicio, “Ruta Cunqueiriana” a cargo de Xosé Luís Leivas, ao alfar no Barrio dos Muíños, e ao Obradoiro da Tarta de Mondoñedo a cargo da pastelería Val de Brea.
Unión e ilusión
A xornada contou tamén cunha parte práctica impartida polo xerente da empresa Implicatum Consultoria S.L., Pablo López, durante a que se analizaron as características que ofrece un territorio potencialmente turístico, “pero sen desenvolver”, así como as carencias que se están a dar e as actuacións que se deberían levar a cabo para que “Mondoñedo fose turisticamente o que nos queriamos que fose”.
Así, durante este encontro práctico reafirmáronse como claves básicas para dinamizar o sector turístico mindoniense tanto a “unión como a cooperación” así como a “ilusión”.
Neste senso, agradécese a implicación e participación da ACIAM (Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Mondoñedo), que durante o encontro tamén destacou que un dos principais problemas do turismo é a falta dun guía, polo que puxeron en marcha a figura do audioguía, para coñecer a Mondoñedo a través da súa historia e das súas lendas.
No encontro, tamén participou a xefa da área provincial de turismo, Paloma Vázquez, quen deu a coñecer as liñas de axuda postas en marcha polo goberno galego para o desenvolvemento do sector turístico, tales como axudas para festas declaradas de interese turístico, ou para concellos coa mesma distinción, así como para a contratación de persoal para formadores turísticos. Están abertas axudas para a sinalización de recursos turísticos e supresión de barreiras arquitectónicas no concellos rurais.