Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo premio de innovación educativa para o Instituto Perdouro de Burela

Burela, 30 de abril de 2015.- A resolución da convocatoria dos premios de innovación educativa desenvolvidas durante o curso 2014-2015 trouxo de novo o recoñecemento para a renovación pedagóxica na Mariña, concretamente para o proxecto titulado “Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa” presentado polo Instituto Perdouro de Burela.

Con estes premios a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria valorou as prácticas innovadoras que se están desenvolvendo nos centros educativos galegos durante o curso 2014-2015 e que supoñen a tentativa dunha mellora da calidade do ensino. Ademais do IES Perdouro, conseguiron unha dotación económica de 2.000 euros o CPI de Navia de Suarna; os CEIP de Frións e Heroínas de Sálvora, de Ribeira; e os IES da Pobra do Caramiñal e de Rodeira, en Cangas do Morrazo.

Con esta intervención educativa agora premiada, o Instituto Perdouro tenta renovar a práctica docente para adecuala ás necesidades da sociedade. Neste sentido, as prácticas premiadas supoñen unha mostra real da renovación do sistema educativo, que responde así ás demandas sociais de novos coñecementos científicos e didácticos e que o fai tendo en conta as circunstancias cambiantes do alumnado.

Aínda que o fío condutor da iniciativa é a alfabetización de adolescentes en risco de exlusión social e o reforzo en materia de comprensión e expresión oral e escrita, outros obxectivos contemplados son: 1) a mellora da convivencia nos centros educativos, 2) a atención á diversidade en todas as súas vertentes, 3) o uso innovador das tecnoloxías da información e a comunicación, 4) o desenvolvemento das competencias básicas, e 5) a integración social de mozos e mozas de moi diversas procedencias.

O repertorio de actividades agora recoñecido pola Xunta de Galicia -e posto en práctica seguindo os criterios de interculturalidade “Modelo Burela”, en aplicación neste centro educativo desde 2004-, aposta pola relación fluída entre a actuación educativa e o contexto social da nosa comarca. Neste sentido, este novo premio de innovación –o oitavo que consegue o IES Perdouro- supón tamén un recoñecemento para a comunidade educativa deste centro escolar e para a Asociación Cultural e Musical Dambara.

No desenvolvemento deste proxecto académico teñen especial relevancia os traballos de José Ramón Leiva (Orientador educativo), Josefina Rodríguez Chao (da área de Tecnoloxía), Ana Vázquez Sesmonde (de Físíca e Química) e Manuel Carreira (Formación e Orientación Laboral).

A clave do éxito conseguido polo proxecto presentado polo Instituto Perdouro está na extraordinaria colaboración da ACM Dambara, unha colaboración que abarca a Xunta Directiva e o conxunto das persoas asociadas, mais moi especialmente o director musical Albano González Cancio e o profesor Rodrigo López Gómez.

Exit mobile version