Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela destacou a importancia de manter viva a memoria de Rodrigo Maseda no acto de presentación do IV torneo de fútbol sala que leva o se nome

300415 Foto IndecumBurela, 30 de abril de 2015.- Do 3 ao 5 de xullo terá lugar o IV Torneo de Fútbol Sala Memorial Rodrigo Maseda, que organiza a Fundación Indecum coa colaboración dos Concellos de Xove, Foz, Cervo, Viveiro de Burela. O evento deportivo, no que se darán cita un 500 participantes, foi presentado este mediodía na Concello burelés.

O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que “hoxe presentamos o cuarto memorial Rodrigo Maseda de fútbol sala que vai ter lugar aquí, en Burela, os días 3, 4 e 5 do mes de xullo. É un memorial promovido pola fundación Indecum coa colaboración dos concellos de Burela, por suposto, de Cervo, de Foz, de Xove e este ano incorpórase tamén Viveiro”.

O rexedor subliñou que “para o Concello de Burela é unha enorme satisfacción poder, un ano máis, colaborar coa Fundación Indecum para a celebración deste memorial de fútbol sala das categorías base, porque entendemos que é a mellor forma de recordar permanentemente a Rodrigo Maseda e recordar a xesta que el e os seus compañeiros fixeron xa hai catro anos na praia do Orzán, en Coruña. Para nosoutros é unha satisfacción poder estar coa Fundación Indecum, co Burela Fútbol Sala e tamén coa nai e co irmán de Rodrigo Maseda Lozano porque entendemos que a súa figura debe ser difundida entre os máis novos. Ese simbolismo que ten a figura de Rodrigo Maseda de entrega, de chegar á máxima expresión da implicación polo ser humano, que é dar a súa vida para salvar a doutros, creo que debe ser tida moi en conta. E polo tanto creo que é unha magnífica iniciativa a da Fundación Indecum, que evidentemente apoiamos e apoiaremos porque o Concello de Burela non pode ser alleo a manter viva a memoria de Rodrigo Maseda e a súa entrega polos demais”.

González Barcia agarda que “a participación neste memorial sexa importante. Parece ser que vai haber arredor duns 500 participantes en total, o cal durante os días 3, 4 e 5 de xullo vai axudar tamén a dinamizar a economía da nosa vila, que é tamén unha cuestión importante a ter en conta. Polo tanto vaia desde aquí a nosa felicitación á Fundación Indecum pola organización, un ano máis, deste evento deportivo. E, por suposto, nosoutros estamos tamén na tesitura de reivindicar de forma permanente a figura desta persoa de Burela, de Rodrigo Maseda, que chegou a dar a vida polos demais”.

Exit mobile version