Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG-Asembleas Abertas presenta este domingo a súa candidatura en Burela

A presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións municipais de maio no Concello de Burela terá lugar este domingo 19 de abril a partir das 19.00 horas no bar “La Boccata” coa presenza de Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo e membro da Executiva Comarcal do BNG. No acto, intervirán distintas persoas que forman parte da candidatura e presentaranse as principais propostas de actuación para os próximos catro anos.

A candidatura é froito do intenso traballo realizado nos últimos meses polo BNG local, onde destacan a aposta pola renovación, a incorporación de persoas independentes e a presenza de mulleres e homes implicados en distintos ámbitos da sociedade burelá. Trátase en definitiva, dunha candidatura conformada por xente comprometida, co obxectivo principal de pór o Concello ao servizo dos veciños e veciñas. O traballo, a honestidade e a ilusión avalan a esta candidatura que encabeza o actual portavoz municipal do BNG Mario Pillado.

Dori González Fraga e Ana Amat Casariego, segunda e terceira na candidatura do BNG-AA, encabezada por Mario Pillado
Mario Pillado Mon conta con 30 anos de idade e está moi vencellado ao deporte de base, sendo na actualidade adestrador das categorías inferiores de fútbol sala en Burela. Licenciado en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou como técnico de eficiencia enerxética para a fábrica de xeo da Confraría de Burela e é desde 2013 portavoz municipal do BNG no Concello de Burela.

Dori González Fraga será a candidata número 2 polo BNG-AA. Esta muller, veciña de Burela e empregada do comercio local, ten participado activamente en distintas asociacións locais e destaca a súa presenza en distintos eventos e actividades que se desenvolven en Burela ao longo do ano.

Ana Amat Casariego é empregada de farmacia e integrante activa da Plataforma Sanitaria da Mariña. Ten desenvolvido un importante labor social nas mobilizacións a favor da xestión autónoma para o Hospital da Costa e en favor dunha sanidade pública e de calidade. Ana Amat preséntase como candidata número 3 polo BNG-AA.

No acto deste domingo, será presentada o conxunto da candidatura e as principais proposta programáticas.

Exit mobile version