Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG-Asembleas Abertas presentou as súas cinco propostas clave para un novo período de política municipal en Cervo

foto_candidatura_cervo2Cervo, 30 de abril de 2015.- O BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo presentou as liñas directrices que vertebrarán o seu programa de traballo durante os próximos catro anos neste concello. O cabeza de lista do BNG-AA en Cervo, Ramón Luís Bernando Insua, manifestou que os cinco eidos de traballo primordiais do seu partido para o Concello son a recuperación demográfica, a eficiacia e transparencia das xestións, a ordenación territorial, a igualdade e xustiza social, e o ámbito cultural e deportivo.

Para traballar nestas cuestións, Bernardo Insua afirmou que resulta vital presentar unha candidatura numerosa, plural e aberta á cidadanía como a que propón o BNG-AA de Cervo. Neste sentido, desta candidatura destaca o numeroso número de independentes ou persoas que nunca tiveran formado parte de listas políticas: “formamos unha lista con once titulares e sete reservas, incorporando un numeroso grupo de persoas non afiliadas que quixeron sumarse ao proxecto e que supoñen máis da metade dos postos da lista. Trátase de caras e perfís novos que contrastan coa continuidade e co de sempre que presentan as outras dúas opcións que concorren ás eleccións municipais de maio”, afirmou Bernardo Insua. Estas novas caras proxectan ilusións renovadas e representan diferentes sectores da sociedade: o mundo da cultura, o asociacionismo, a mocidade, o deporte, o sindicalismo, o ensino ou a emigración forzada polas políticas do Partido Popular que levaron a milleiros de mozas e mozos fóra do noso concello e país.

Cinco propostas clave
Unha das cuestións máis preocupantes que afectan ao concello de Cervo é a perda demográfica, cunha “espectacular perda de poboación desde a chegada do Partido Popular ao goberno municipal, o cal é un síntoma da incapacidade e ausencia de iniciativas para enfrontar esta grave problemática, tanto é así que a candidatura incorpora persoas como Olga Castro Vázquez ou María Fernández Rei que tiveron que emigrar para traballar fora do país co que visibilizan o drama de moitas mozas e mozos cerevenses”. En palabras de Bernardo Insua. Para frear isto, o BNG-AA propón medidas de recuperación demográfica, aproveitando os recursos existentes para dinamizar o comercio e xerar emprego, ao tempo que se crean condicións de vida atractivas para empresas e persoas.

A “eficacia e transparencia nas xestións municipais é outro aspecto clave para o BNG-AA de Cervo. A necesidade de crear un concello público e participativo, no que se acabe coa endogamia e as redes de amiguismo do actual alcalde”, é condición básica para que o Concello estea aberto ao conxunto da sociedade. Amais da “intervención veciñal nos plenos e a creación de orzamentos participativos, cómpre transparencia na contratación de persoal e servizos, unha revisión da política actual de impostos, a revisión do consorcio de abastecemento de auga, e en xeral un saneamento integral do concello”.

Canto á ordenación territorial, o BNG-AA considera primordial “avanzar cara a un Cervo que sexa habitábel”. As medidas para conseguilo pasan por “rematar a redacción dun PXOM que sexa participativo, por converter edificacións existentes en vivendas sociais ou demoler aqueloutras que sexan antiestéticas ou se atopen en concurso de acredores, así como pola humanización urxente de espazos urbanos e rurais, recuperando espazos como poden ser o castro da Atalaia”.

Os aspectos sociais e culturais-deportivos son os dous ámbitos que pechan a listaxe de liñas directrices propostas polo BNG-AA. No primeiro aspecto, desde a organización nacionalista “proponse traballar na igualdade e xustiza social con medidas como a conversión do PAI en gardería, o regulamento transparente das axudas de emerxencia social, a recuperación da praza médica perdida no centro de saúde de Cervo, melloras no servizo de asistencia no fogar ou medidas de aluguer social”. En materia cultural e deportiva, o BNG-AA márcase como obxectivo “a creación dun concello integrador no que ese amplíen e creen bases igualitarias nas axudas ás asociacións culturais, sociais e deportivas, amais de pór en marcha unha programación cultural municipal propia, mellorar a xestión das instalacións e promover con accións concretas a formación de actividades teatrais, musicais e deportivas”.

Candidatura BNG-AA Cervo
As persoas que concorren na candidatura do BNG – ASEMBLEAS ABERTAS consideran que o cambio é necesario en Cervo, e únense ao proxecto nacionalista para logralo, conformando a seguinte candidatura:

1.- Ramón Luís Bernardo Insua
44 anos, traballador nunha empresa de seguridade, directivo da S.D. Cervo–Sargadelos
2.- Ibán Sánchez Rodríguez
37 anos, traballador de Alcoa
3.- Diego Fernández Martínez INDEPENDENTE
28 anos, traballador nunha auxiliar de Alcoa, delegado sindical da CIG, xogador do C.D. San Cibrao
4.- Elisa Pérez Vázquez
46 anos, guía da Casa da Administración en Sargadelos, presidenta da Asociación Karricanta
5.- Olga Castro Vázquez INDEPENDENTE
34 anos, foi xornalista e tradutora, e tras doutorarse na Universidade de Vigo en 2010 tivo que emigrar a Reino Unido, onde é profesora universitaria
6.- María Xosé Prado Viamonte INDEPENDENTE
54 anos desempregada, despedida de cerámicas Sargadelos, ex – delegada sindical da CIG
7.- Emilio López Arrojo INDEPENDENTE
49 anos, mecánico naval, traballador de Vestas, membro do comité de empresa en Vestas (CIG)
8.- María Fernández Rei INDEPENDENTE
35 anos, licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade atópase emigrada en Madrid traballando como tradutora e editora
9.- Xosé Pérez Saa INDEPENDENTE
51 anos, traballador de Alcoa, veciño da Calvela – Vilaestrofe INDEPENDENTE
10.- Teresa Lorenzo Oroza
49 anos, psicóloga, traballadora de Correos
11.- Xoán Antón Estúa García
50 anos, xoieiro, actual portavoz municipal, responsábel comarcal de organización do BNG na Mariña

Suplentes:
1.- Xorxe Caldeiro Díaz
48 anos, activista sindical
2.- Xoán Carlos Barcia Bouza
Licenciado en Filosofía, profesor no IES Perdouro
3.- Margarita García Abad INDEPENDENTE
41 anos, desempregada, fotógrafa de vocación
4.- Gumersindo Folgueira Otero INDEPENDENTE
56 anos, xubilado
5.- Manuela Franco Quiroga
56 anos, xubilada
6.- María Luz Iglesias López INDEPENDENTE
50 anos, mestra, loitadora do ensino público en lingua galega
7.- Enrique Rodríguez Rodríguez INDEPENDENTE
60 anos, escultor

Exit mobile version