Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén clausura a tempada con vitoria ante o Jumilla (4-3)

O Burela FS Pescados Rubén clausurou este venres a tempada con vitoria ante a afección de Vista Alegre, con tres puntos fronte ao Montesinos Jumilla FS. O conxunto laranxa di adeus á liga 2014-15 e o seu técnico dos últimos dous anos e medio, Juanlu Alonso, desde a novena praza (37 puntos) e un histórico debut na Copa de España revolucionando todas as quinielas.

Os mariñáns levaron a voz cantante no electrónico. Xa no minuto 5, Iago Míguez adiantaba os locais cun disparo cruzado raso, tras recoller un balón en profundidade e gañar as costas da defensa murciana. Chano, no 9, e Antoñito, no 11, non conseguiron ampliar a fenda, pero si o fixo Isi, no 12, nun lanzamento exterior no centro desde balón parado de Chano. O Montesinos reaccionou intensificando o seu ataque, con chegadas máis claras. No 13, Alamiro, ao bordo da liña de meta, e Corvo, á escuadra, non lograron o seu propósito; este último foi o encargado, acto seguido, de anotar o 2-1, aproveitando de lonxe un rexeitamento que tocou en última instancia en Chano. A falta de dous minutos para o descanso, Miguel soubo recuperar a tentativa de despexe murciano a Chano para o 3-1, aínda que na seguinte xogada volveu moverse o marcador a favor dos visitantes, cun balón que só tivo que empuxar Rubén Zamora, asistido por Corvo.

O 16 de Jumilla intentou sorprender a Edu tras o descanso, xa no minuto 22, cunha gran resposta do meta naronés desde o chan. Tan só, un minuto despois, contraatacou Antoñito cun balón perfecto cruzado que Chano estrelou contra o pau. Pero por fin chegou o gol, nas zapatillas do sempre inspirado Iago Míguez, que recolleu un balón centrado por Behroz (minuto 25). A punto estivo o 5 laranxa de ampliar distancias poucos segundos despois, pero non conseguiu chegar a tempo ao pase do iraní en contragolpe. Co 4-2, as filas murcianas intentaron a remontada; no minuto 26, a contra de Corvo bateu con Edu e porteiro laranxa volveu desbaratar as tentativas visitantes no 29, fronte a Aarón, aínda que non puido facer nada ante Alamiro, que subiu o 4-3, no 31, cun disparo cruzado pola escuadra. A falta de 5.12 minutos para o final, o Jumilla FS apostou polo xogo de cino con Rubén Zamora á fronte. Os mariñáns responderon con seriedade e aínda dispuxeron de dobre oportunidade a porta baleira, de Edu e Carlitos.

Sorteo
O número agraciado cun reloxo Tissot, sorteado durante o descanso do encontro é o 60. O posuidor da devandita papeleta poderá recoller o premio na sede do CD Burela FS Pescados Rubén (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela, 982581815).

Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Chano, Antoñito, Hélder cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Isi, Carlitos, Behroz

Montesinos Jumilla FS: Loren, Alamiro, Boyis, Josiko, Rober, cinco incial; tamén xogaron Corvo, Aarón, Rubén Zamora, Pichi

Goles: 1-0, minuto 5, Iago Míguez; 2-0, minuto 12, Isi; 2-1, minuto 13, Corvo; 3-1, minuto 18, Miguel; 3-2, minuto 18, Rubén Zamora; 4-2, minuto 25, Iago Míguez; 4-3, minuto 31, Alamiro;

Árbitros: Martínez Torres // Cid Bragado (Galicia)

Tarxetas: Por Montesinos amarela a Alamiro (minuto 39), Corvo (minuto 39)

Incidencias: Partido correspondente á 30ª xornada de Primeira División, disputado en Vista Alegre, con 800 espectadores. Antes do asubío inicial, Juanlu Alonso, no seu último partido á fronte do Pescados Rubén, recibiu de mans do presidente laranxa, Manuel Blanco, un reloxo personalizado como recordatorio da familia burelista.

*Fotos: Marián García Mesa.

Exit mobile version