Site icon Crónica3.com A Mariña

O Cadaval adáptase mellor á herba na LNB e gaña en Vián

O campo de fútbol de Vián converteuse o derradeiro sábado do mes de marzán en praza conquistada polos recios palanadores da multicolor serpe da LNB. Un capítulo máis neste incesante roteiro billardeiro, que pola implicación e boa organización dos anfitrións, os compoñentes do equipo “Cruzados”, finalizou converténdose nun novo éxito.

Espectacular tarde de billarda, pois, na que máis de medio cento de palanadores loitaron bravamente en pos da bola de liscos. O terreo puxo algún que outro atranco no xogo, pois baixo a, en apariencia herba recén segada, escondíanse algún que outro burato e foron máis dun os palanadores que “probaron a bondade do chan chairego”.

As carreiras sucedéronse sen tregua nunha tarde non propicia para os varados; excepto o do debutante Ismael que só perde a primeira das 5 carreiras en xogo. Destacou O Cadaval cun sobresaínte xogo de Pepe Outeiro -mancado no brazo dereito- que só cedeu un empate e Pepe Vidal que acadou pleno e repetiu final. Tamén fixeron pleno Xosé Collazo, dos Billardeiros da Laracha, e unha vez máis e van… Markytos, de Billardeiros Musicais.

No desempate, Markytos saiu gañador e merecente da bola de liscos, Collazo segundo tamén agasallado cun bolo e Pepe Vidal foi terceiro e levou outro bolo que puido xuntar coa bola que o seu equipo “O Cadaval” gañou como campións da xornada por equipos.

En donas Geni, Billardeiros Musicais, segue aumentando a vantaxe como mellor clasificada; polo que, a falta de dúas xornadas, ten practicamente gañado o campionato.

A vindeira xornada terá lugar na carballeira de Mosteiro (Pol) o 11 de abril.

As clasificacións logo da novena xornada quedan así:
Individual: Markytos 81 p., Daniel 75 p., Kiko 65 p., Charli e Pepe Outeiro 63 p.
Equipos: Billardeiros Musicais 297 p., O Cadaval 284 p. e Carabullo de Teixo 240 p.
Varados: Markytos 13, Charli 7, Daniel 5, Santi 4, Tonecho 3.

Exit mobile version