Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz critica que “a Deputación non entregou os 12.000 euros que prometeu en 2014 para o funcionamento do Asilo”

Foz, 17 de abril de 2015. A Deputación Provincial de Lugo non entregou os 12.000 euros que prometeu no 2014 para axudar ao funcionamento do asilo de Foz, que si recibiu as achegas do Concello focense e da Xunta de Galicia. A situación foi dada a coñecer hoxe polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira.

O rexedor municipal explicou que “o Concello ven de facer efectivo o acordo que tiña co asilo de Foz para subvencionar con 25.000 euros para gastos correntes desta residencia de maiores, que está coas dificultades que todo sabemos. Ese compromiso do Concello de Foz fíxose efectivo pagando eses 25.000 euros, que xunto cos 12.000 euros que xa pagou hai un mes a Xunta de Galicia, á que agradecemos que cumprira con ese compromiso, fan 37.000 euros, que realmente lle veñen moi ben ao asilo, a Mensajeros de la Paz e á Fundación para seguir atendendo aos nosos maiores no noso concello. Isto contrasta coa falta de seriedade da Deputación de Lugo, que prometeu no mes de decembro que ía asumir o mesmo compromiso que a Xunta de Galicia dando unha subvención de 12.000 euros, pero non deu ata agora ningún paso neste sentido. En decembro dixo que ía pagar, pero non o fixo; e durante estes meses de 2015 tampouco o fixo. E estamos a falar da subvención do ano 2014”.

Javier Castiñeira engadiu que “polo tanto hai falta de seriedade por parte da Deputación e falta de compromiso por parte do señor Veiga co asilo de Foz. E, por outro lado, está o compromiso absoluto do Concello de Foz, que xa abonou eses 25.000 euros a Mensajeros de la Paz, e tamén da Xunta, con outros 12.000 euros, que xa se abonaron hai un mes e que se suman aos 80.000 que xa deu no ano 2012 tamén a Xunta de Galicia. Polo tanto aí están os compromisos dunhas administracións e doutras, que falan moito, pero sempre son os mesmos os que asumen a responsabilidade, mentres outros só fan propaganda e pouco máis”.

Exit mobile version