Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo e AUGA apostan pola defensa dos máis de 500 autónomos que aínda rexistra o municipio

AUGA MONDOÑEDOMondoñedo, 29 de abril de 2015.- O portavoz de AUGA, Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, acompañado polo responsable da organización en A Mariña, José Luis Moñita, mantivo unha reunión na mañá deste mércores co alcalde de Mondoñedo, Orlando González, para presentarlle “os servizos da organización e lograr a colaboración de ambos organismos á hora de levar adiante iniciativas de apoio e asesoramento especializado para todos os autónomos deste municipio”.

Lisardo Domínguez sinalou que “no concello de Mondoñedo temos a día de hoxe un total de 522 autónomos, unha cifra moi significativa se pensamos que estamos a falar dun municipio que ten arredor de 4.000 habitantes”.

Durante a reunión, tamén estivo presente o Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, José Manuel Otero, quen destacou que “somos nós quen intentamos resolver as dúbidas de moitos autónomos e tamén de moitos mozos que pretenden iniciar novos proxectos. A día de hoxe, a nivel municipal, cabe destacar o repunte de emprendedores no sector agrario e forestal. É moi interesante contar coa vosa colaboración para organizar xornadas e charlas informativas que resolvan de maneira especializada este tipo de cuestións”.

Neste senso, Domínguez adiantou que “traballaremos entón neste camiño para levar adiante diversas actividades no municipio dirixidas aos autónomos, xornadas e charlas informativas con temáticas que demanden os propios autónomos, como as diferentes formas de financiación, a lexislacion vixente e as súas reformas, as pensións ou o dereito a baixas”.

Finalmente agradeceu “o interese amosado polo alcalde e o técnico municipal de Mondoñedo e as facilidades dadas para dotarnos de un local no que os técnicos de AUGA poidan prestar asesoramento, información e asistencia técnica ao colectivo” e engadiu que “tal e como fixemos esta semana en Viveiro e Mondoñedo, continuaremos esta ronda de visitas aos concellos de A Mariña nos vindeiros meses”.

Exit mobile version