Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Xove elimina un punto negro do acceso á praia de Esteiro

ELIMINACIÓN DUN PUNTO NEGRO EN XOVE (2)O Concello de Xove vén de acometer unha obra, incluída no POS (PLAN DE OBRAS E SERVIZOS) da Deputación, denominada “Mellora de seguridade no núcleo de Ceranzos” coa que se elimina un punto negro de acceso á praia de Esteiro. Conta cun investimento de 28.931,91 euros, dos cales o Concello aporta 15.775,05 euros, aportando a Deputación o resto.

A estrada, que conduce á Praia de Esteiro e ten o seu inicio no cruce de A Vara, ten no núcleo de Ceranzos un punto negro, un auténtico tapón entre dúas casas, tan estreito que impide o paso de dous coches simultaneamente, dificultando tamén o paso dos autobuses escolares; estamos a falar dunha estrada que, sobre todo nos meses estivais, ten moito tráfico, xa que conduce a nosa praia de Bandeira Azul de Esteiro. Pois ben, dende o Concello decideuse eliminar este punto negro, incluíndoo no POS deste ano 2015.

A obra, que se está executando este mércores, consiste en eliminar unha das casas (que está abandonada dende hai anos) para así gañar espacio e facilitar o tránsito. A área vaise retranquear, quedando limitada cun muro de nova construcción.

En definitiva, unha moi sustancial mellora desta estrada, que sen dúbida notarán os veciños e os moitos visitantes e usuarios da Praia de Esteiro.

Exit mobile version