Site icon Crónica3.com A Mariña

O Congreso, a instancias do PP, pide ao Goberno crear un rexistro nacional de Posibilidades de Pesca

28 de abril de 2015.- O voceiro do pesca do GPP e deputado por Lugo, Joaquín García Diez, defendeu este martes na Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio do Congreso, unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, que aprobou, a que se insta ao Goberno á creación dun Rexistro Nacional de Posibilidades de Pesca.

Na súa intervención, o voceiro popular recordou que a natureza xurídica das posibilidades de pesca as converte en elementos incertos pero susceptibles de xerar negocios xurídicos de carácter patrimonial.

Segundo indicou, “é a lei de Pesca Marítima a que establece que a política de pesca marítima se realizará a través de medidas de xestión da actividade pesqueira, distribuíndo as posibilidades de pesca de modo que consiga unha maior racionalización do esforzo pesqueiro desenvolvido polo sector,”.

Para o deputado popular, a reforma da Política Pesqueira Común referendou a política de xestión xa implantada en España e o modelo de xestión que vén aplicándose á nosa frota.

García Díez explicou que a frota española alberga censos cunha longa traxectoria de xestión das súas pesqueiras baseados en modelos de xestión pechados, como é o da chamada frota “dos 300” que dende 1981 ordena a súa actividade pesqueira mediante un censo pechado, ao igual que a frota que faena en augas de NAFO (1999) ou a pesqueira do atún vermello (2008 e 2013); e tamén algúns con asignación individual de posibilidades de pesca e outras con regulacións máis recentes.

Foi a lei 23/1997, de ordenación do sector pesqueiro de altura e grande altura que opera dentro dos límites xeográficos da NEAFC, a que recoñeceu o valor patrimonial das posibilidades de pesca, o que permitiu que as empresas pesqueiras con buques incluídos neste censo puidesen allear, ceder ou transmitir, entre si, total ou parcialmente os dereitos de acceso ás diferentes zonas de pesca.

O paso seguinte, para García Diez, será a creación dun rexistro de posibilidades de pesca onde se reflictan os dereitos de pesca por censos e por zonas de pesca, ademais das operacións de transmisión que se efectúen e os peñoramentos que se dean en cada caso, e que previamente fosen autorizados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio.

A creación deste rexistro, segundo o deputado lucense, vai permitir harmonizar a transmisión das posibilidades de pesca, ter unha maior garantía de transparencia e seguridade do tráfico xurídico afectado, así como a posibilidade de consulta e acceso de forma permanente de todos os profesionais.

Para García Diez, con esta iniciativa ponse en mans do sector unha oportunidade máis para incrementar a rendibilidade, con recoñecemento dos dereitos de uso pesqueiro, contribuíndo a evitar a pesca olímpica e mellorando a xestión pesqueira.

O voceiro popular de Pesca criticou a actitude dos grupos parlamentarios da esquerda do arco parlamentario, e en especial do grupo socialista, que presentaron unha emenda solicitando a creación dunha reserva nacional de posibilidades de pesca, algo que, na súa opinión, “supoñería romper os mecanismos de repartición que veñen funcionando dende hai décadas, ao tempo que sería unha inxerencia na liberdade empresarial contraria á ordenación xurídica vixente”.

García Díez pediulle aos grupos da oposición que non fixesen demagoxia, xa que, segundo aclarou, “ninguén está a falar de privatizar o mar, os recursos mariños son un ben público”. Do que se trata, explicou García Díez, é de recoñecer os dereitos de uso pesqueiro para a súa explotación por un período de tempo limitado. “Non estamos a falar de dereitos de propiedade de recursos pesqueiros”, resaltou.

Finalmente, o voceiro popular aclarou que non sería de aplicación á frota artesanal nin á menor de 12 m de eslora, polo que non existe, como algúns grupos insinuaban, ningún tipo de especulación. “Este modelo proposto o que fai é introducir salvagardas que o que fan é evitar a especulación evitando a acumulación de dereitos de pesca en poucos barcos ou nas grandes industrias”.

Exit mobile version