Foz, 16 de abril de 2015. O goberno municipal de Foz critica a Jaime Cancio por crear polémica e preocupación nos veciños e comerciantes coa reorganización do tráfico na avenida da Mariña.
“Queremos deixar moi claro que estamos totalmente en contra de crear calquera tipo de polémica respecto a peatonalización da avenida da Mariña. O señor Cancio e o Partido Socialista, que estiveron gobernando 20 anos en Foz e nunca fixeron nada por esta rúa, son os que están agora provocando o descontento de moitos veciños, que ven unha absoluta falta de planificación nas propostas do Partido Socialista, do señor Cancio, que o único ao que se dedica é a facer propostas electoralistas, como leva facendo durante toda a súa carreira política, que xa está absolutamente caducada. Este señor, que nos ven falar agora doutra forma de gobernar, o único que está facendo é creando leas entre os veciños con este debate que está promovendo sobre a peatonalización, sen argumentar como vai solucionar o problema do tráfico e, sobre todo, o estacionamento para as persoas que vaian comprar aos establecementos desa zona pero tamén hai que pensar neses 1.800 veciños que viven nesta rúa. Dende logo o que vai facer o señor Cancio con este asunto é o que sempre fixo: acabar podrecendo un debate sobre algo que debe ser moito máis estudado e planificado”, manifestou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.
O rexedor municipal engadiu que Cancio “tamén fala da pista polideportiva do Campo da Cabana, na que non fixo nada durante os 20 anos que estivo gobernando no Concello de Foz, e agora vén abrir outro debate similar sobre se hai que cubrilo ou non. Pero se alguén fixo algo polo Campo da Cabana é o actual goberno do Partido Popular no Concello, que o ano pasado arranxou as pistas e as zonas perimetrais e agora está construíndo a grada de formigón. E o único que intenta este señor é tapar o que fai este equipo de goberno e está levando a cabo unha precampaña do Partido Socialista chea de promesas, que nunca foi capaz de acometer cando estivo no goberno; con falsos debates e moi pouco construtiva, como leva facendo o señor Cancio durante estes últimos anos, que o único que fixo foi tratar de poñer cambadelas ao goberno municipal”.
Javier Castiñeira rematou comentando que “se o señor Cancio quere algún exemplo de como se fai unha reorganización do tráfico e como se semipeatonaliza unha zona, para darlle vida comercial e hostaleira, ten que mirar o que fixo o goberno municipal do Partido Popular nestes 4 anos no porto: primeiro estudando os aparcamentos e a situación dos veciños e dos locais e despois acometéndoa, porque todo o mundo veu que era moi positiva. E exactamente o mesmo na zona de Illa Nova, onde se fixo unha reorganización do tráfico, estudada polos técnicos e pola Policía Local, o que deu un bo resultado final. E diante diso temos a falta absoluta de programación e planificación deste señor que o que pensa de noite ao día seguinte sóltao pola boca e crea un debate absurdo que incomoda a moitos veciños que se ven agraviados e pouco informados”.