Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular afirma que a modificación da lei de montes estatal reforza as competencias autonómicas nesta materia e non varía o modelo forestal existente

Santiago, 24 de abril de 2015.- O deputado do Grupo Popular Ángel Camino Copa afirmou este venres no Parlamento que o proxecto de modificación da Lei de Montes presentado polo Goberno central “non invade as competencias de Galicia senón máis ben ao contrario: reforza as competencias autonómicas nesta materia e non varía substancialmente o modelo forestal que existe na actualidade”. Así mesmo, subliñou que o proxecto de lei “garante as atribucións que teñen os axentes forestais, reforzando incluso as súas funcións como policía xudicial e apuntalando o seu carácter funcionarial”.

Ángel Camino manifestou que os axentes forestais e ambientais teñen garantido con este proxecto de lei a súa condición de axentes da autoridade, de policía administrativa e de policía xudicial xenérica. “Non se fan modificacións nas funcións de axentes forestais e unicamente se clarifican as actuacións aos efectos de coordinación, de xeito que cando estes axentes sospeiten dun delito se dea conta de xeito simultáneo tanto á autoridade xudicial como ao ministerio fiscal”, apuntou.

Ademais, apuntou que o proxecto de lei “en ningún caso minora as atribucións que teñen establecidas os axentes forestais, ao tempo que a súa consideración de axentes da autoridade apuntala o seu carácter funcionarial, polo que non hai ningún proceso de privatización encuberto como queren facer ver desde os grupos da oposición”.

SEN INVADIR AS COMPETENCIAS DE GALICIA
O deputado popular defendeu que no proxecto de lei de reforma da Lei de Montes estatal “non se aprecian invasións de competencias” da normativa autonómica, senón que máis ben “podemos dicir que hai un reforzo das competencias da Comunidade galega”. En concreto, sinalou que a nova normativa estatal asegura que a aprobación de instrumentos de xestión e o establecemento da obrigatoriedade destes instrumentos seguirán a estar regulados polas comunidades autónomas, así como a declaración de montes de utilidade pública.

Respecto do cambio de uso forestal dos montes incendiados, Camino Copa manifestou que o proxecto de lei conserva a prohibición de que estes cambios teñan lugar antes de 30 anos, “se ben introduce a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan acordar excepcións en catro casos moi concretos e razoables: cando o cambio de uso estea previsto nun instrumento de planeamento previamente aprobado; cando estea previsto nun instrumento de planeamento pendente de aprobación, pero que xa fose obxecto dunha avaliación ambiental favorable; cando estea previsto nunha directriz de política agroforestal que contemple o uso agrario ou gandeiro extensivo de montes abandonados; ou por razóns imperiosas de interese público, que deberán ser apreciadas mediante unha nova lei”.

Exit mobile version