Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Mondoñedo comprométese a que os obradoiros de artesanía dos Muíños recuperen a súa actividade

Mondoñedo 30 de abril de 2015.- A candidata do Partido Popular á alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, manifesta o compromiso do PP de traballar para que os obradoiros de artesanía do barrio dos Muíños recuperen a súa actividade.

A popular lembra que nos Muíños se desenvolveu, impulsado polo PP no Concello, un proxecto de recuperación deste barrio, no que se incluíu a promoción e o asentamento destas actividades artesáns nos Muíños.

A alcaldable lamenta que durante oito anos o actual equipo de goberno (BNG e PSOE) “acabase con todo”, esquecéndose dos artesáns, e incapaces de darlle continuidade a unha iniciativa distinguida a nivel autonómico.

Candia lembra que o proxecto Artesanía “Os Muíños” foi recoñecido co premio Agader ao Embelecemento do Medio Rural Galego. “ É responsabilidade do actual equipo de goberno a falta de actividade actual, non se preocuparon nin por regularizar a situación, nin por renovar os convenios vencidos… Foron oito anos perdidos na posta en valor deste barrio e da actividade dos artesáns”.

A popular explica que a única xestión emprendida por socialistas e nacionalistas foi a de gastar máis de 4.000 euros pagados a unha empresa “para reunirse cos artesáns, sen obter ningún resultado en positivo”.

Así, a candidata do Partido Popular defende a importancia destes obradoiros de artesáns tanto para o barrio como para a dinamización turística da localidade, xa que se chegaron a converter, xunto a Cova do Rei Cintolo, nun dos máis importantes atractivos turísticos da localidade.

Exit mobile version