Site icon Crónica3.com A Mariña

O primeiro circuíto profesional do proxecto teatral Buxiganga poñerase en marcha con 60.000 euros da Área de Cultura da Deputación

outeiro-buxigangaLugo, 16 de abril de 2015. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este xoves no Museo Provincial de Lugo o circuíto de teatro profesional, que se estrea este ano dentro do proxecto Buxiganga que puxo en marcha a Vicepresidencia Primeira do organismo provincial no ano 2009.

Mario Outeiro avanzou que a Área de Cultura dedicará as bases deste Buxiganga Proxecto Teatral Profesional serán publicadas este venres no Boletín Oficial da Provincial, tendo os interesados 20 días naturais para presentar a súa solicitude de participación desde ese mesmo día. “Logo de varios anos apostando polo teatro amador, unha aposta que mantemos tamén esta edición e que xa arrincou este mesmo mes, o proxecto Buxiganga dá un paso máis e este ano contaremos tamén cun circuíto profesional. Cremos que é un xeito de amosar unha vez máis a nosa decidida aposta pola cultura en xeral e o teatro en particular”, salientou Mario Outeiro.

Este circuíto profesional contará cun orzamento de 60.000 euros. “É coñecido que temos xa desde o 2009 funcionando o proxecto Buxiganga, que serve para potenciar o teatro afeccionado. Agora mesmo temos uns 30 grupos de toda a provincia que recorren concellos e asociacións coas súas actuacións, uns grupos cos que temos varias liñas de apoio, como un dirixido á formación dos seus membro. Este ano, nun programa que se vai desenvolver en dúas quendas [xuño, xullo e setembro, e despois en outubro, novembro e decembro], facemos o circuíto Buxiganga Profesional. A diferenza co outro, vai exclusivamente destinado a profesionais, co obxectivo de mover a esas compañías polos concellos e entidades. Agardamos conseguir os mesmos resultados que co outro, que xa duplicou o número de compañías de teatro de carácter amador desde que o puxemos en marcha”, indicou o responsable de Cultura

Dirixido a grupos de teatros profesionais da provincia
Outeiro avanzou que neste Buxiganga Proxecto Teatral Profesional poderán participar “todos os grupos de teatro profesionais, baixo a forma de empresa, de comunidades de bens ou ben de asociacións culturais, que teñan residencia na provincia de Lugo, que estean legalmente constituídos e que realicen tanto os ensaios como a súa actividade habitual na provincia de Lugo”, apuntou.

A Área de Cultura pagará o 70% de cada actuación
Así mesmo, informou de que “poderán solicitar actuacións todos os concellos e asociacións legalmente constituídas e con sede e actividade na provincia de Lugo. As entidades solicitantes faranse cargo do 30% do custo da actividade teatral, facéndose cargo do 70% restante a Área de Cultura”, comentou. Ao igual que os grupos e compañías, os concellos e as asociacións tamén terán 20 días naturais a partir de mañá para presentar as súas respectivas solicitudes.

Aqueles responsables de concellos, asociacións, grupos ou compañías interesados en recibir máis información poden conseguila chamando ao 982 260 180, escribindo ao enderezo electrónico ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org ou acudindo directamente ás oficinas da Área de Cultura da Deputación no Pazo de San Marcos.

Exit mobile version