Site icon Crónica3.com A Mariña

O vindeiro domingo presentarase a candidatura do PP de Burela, que inclúe novidades

Lugo,8 de abril de 2015.- O vindeiro domingo, día 12 de abril, ás 20:30 horas terá lugar no Hotel Nordés de Burela a presentación da candidatura coa que o PP concorre á alcaldía deste municipio e que lidera José María González Barcia.

Será o presidente provincial, José Manuel Barreiro quen presentará a lista e que estará acompañado polo secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro, o candidato popular, José María González Barcia e demais representantes políticos da comarca de A Mariña.

A principal novidade na candidatura que encabeza González Barcia atópase no posto número dous, que pasará a ocupalo a actual edil de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Diana Durán. Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manuel Fernández Valle, non figurará na candidatura por motivos persoais pero seguirá formando parte da Xunta Directiva da Agrupación municipal.

A recen anunciada número dous naceu en Burela, ten 39 anos e é traballadora social. Exerceu esta función no Concello de O Valadouro e en Burela. No que atinxe ao eido político, leva dende o ano 2011 na Corporación desta localidade.

Pola súa banda o número 1 dos populares de Burela, José María González Barcia, resaltou o traballo feito por Diana Durán nesta lexislatura e salientou que se fixo máis en materia de servizos sociais coa mesma cantidade económica. Tamén resaltou o incremento do Servizo de Axuda no Fogar, a construción da escola infantil e a posta en marcha de actividades para maiores.

Con respecto a saída do tenente de alcalde, o candidato popular dixo que respecta a súa decisión e manifestou que seguirá vinculado ao partido, formando parte da Xunta Directiva Local. Asemade, González Barcia, alabou publicamente o traballo feito nestes catro anos por Fernández Valle e destacou a súa implicación en temas como a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, así como, a posta en servizo de novas áreas de servizo de aparcamento gratuíto, entre outros.

Exit mobile version