Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao entrega os premios do IV Certame Fotográfico “Enfocando Barreiros” no marco das Xornadas de Historia Local

enfocandobarreiros-15-infantil“Vella escola” é o título da fotografía gañadora da modalidade adulta da IV edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros” que nesta ocasión levou por lema “Aprender no rural no obxectivo”. A instantánea, autoría de Francisco López, veciño de Viveiro, amosa unha toma da escola unitaria de Vilamartín Grande, a día de hoxe abandoada e sen uso. Por outra banda, o gañador da modalidade infantil foi Daniel Rego, veciño de Foz, cunha fotografía dunhas mans de persoa maior mostrando como se abren as vainas para obter as fabas.

Ollomao agradece a Xulio Villarino, José Reigosa, Xaime F. Ramallal, José María Pérez Rielo e Natalia Blanco Pérez, gañadora adulta da anterior edición, a súa participación como xurado neste certame. Os premios serán entregrados este domingo, 19 de abril a partir das 16.30 horas, nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, no marco das “Xornadas de Historia Local de Barreiros” que teñen a mesma temática: “Aprender no rural”.

Nesta cita, organizada coa finalidade de dar a coñecer a historia da educación e das escolas do concello barreirense, foi configurada unha mesa de participantes que traballan no campo do ensino, coa finalidade de mostrar como foi a educación no pasado na área rural e cómo é a día de hoxe naquelas aldeas onde aínda segue a darse clase nas escolas unitarias. Unha das persoas que tratarán en profundidade a historia local do ensino no rural é Antón Costa Rico, Catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela e que tén abondado no estudo da vinculación entre educación e ruralidade. Ademais, convén destacar, que foi alumno nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante na súa etapa como alumno de escola primaria.

Aproveitando a ocasión, Ollomao convoca tamén a todas as persoas participantes na II edición da Universidade Rural de Barreiros para facer entrega dos diplomas acreditativos do seu paso por esta iniciativa, e darase a coñecer a III edición, planificada para a volta do verán.

Esta cita, o domingo 19 de abril ás 16.30 horas, está aberta a todas as persoas interesadas en participar.

Exit mobile version