Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Pasatempos de Primavera de Cervo inclúen a Universidade Aberta, o Día do Xubilado, as actividades polo Día das Letras e o concurso de fotografía

Cervo, 7 de abril de 2015.- O Concello de Cervo informou este martes das preto de 40 actividades que conforman os Pasatempos de Primavera e que engloban a oferta lúdica, cultural e deportiva para os meses de abril, maio e xuño. Unha programación na que destacan as actividades que se veñen celebrando de forma continuada nestes anos, e para todo tipo de público.

Uns folletos que o Concello edita dende hai máis de dous anos co obxectivo de dar a coñecer todas as actividades que se poñen en marcha no municipio buscando a participación e a implicación dos veciños. Uns Pasatempos que os cervenses reciben nos seus fogares cada tres meses.

En canto á programación, para a mocidade destaca a Universidade Aberta de Cervo (18 de abril), os Encontros Abertos de Música para Mozos (os sábados) ou o III Concurso de Cómic. Os nenos e nenas poden asistir ao Taller Infantil de Teatro Pimpim (todos os venres), á Ocioteca (sábados), ou participar nas actividades do Día do Libro (23 de abril) e no II Torneo de Baloncesto (6 de xuño).

En canto á programación para adultos, un dos eventos destacables é o XXXII Día do Xubilado (1 de maio) e o programa complementario, que inclúe excursións á Xixón (7 de maio) e á Semana Verde de Silleda (11 de xuño).
Para o público en xeral cabe mencionar as actuacións musicais da Banda e Grupo de Vento do Conservatorio de Viveiro (10 abril) e o Grupo de Corda (8 maio). Ademais, convócase o V Concurso Fotográfico “Cervo Respecta” (entrega de premios 5 de xuño) e o Día das Letras Galegas celebrarase coa Coral Terramar e o Coro de Celeiro (17 de maio).

Asociacións
Coma en todas as edicións, os Pasatempos inclúen tamén as actividades que programan e organizan as asociacións coa colaboración do Concello co obxectivo de darlles difusión e contribuír á participación, que é o obxectivo xeral destes folletos.

Desta maneira, cabe destacar actividades de continuidade, como a de Bailes de salón (ARAMA), manualidades (As Espalladoras) ou os Mercados do Souto (2º e 4º domingo de cada mes, Airiños do Xunco/Karrikanta). Tamén repiten dúas citas organizadas por Cabaleiros do Xunco, como son a VII Ruta do Poldro (11 de abril) e a Feira de Gando (3 de maio).

Pola súa banda, a Asociación de Veciños de Lieiro pon en marcha actuacións de teatro (11 e 18 de abril); Aventados un festival de música da emigración (11 de abril), A Fervenza de Sargadelos ofrece unha Foliada na praza do Souto (2 de maio), e ese mesmo día IX Exaltación da Carne de Porco (Airiños do Xunco), mentres Mulleres de San Ciprián volve con Lembrando tempos no río (20 de xuño). Sen esquecer as festas patronais; nestes meses celébranse as de San Luis en Figuerido (20 e 21 de xuño) e as de San Pedro na Senra (27 e 28 de xuño).

En canto ás actividades das asociacións para o Día das Letras Galegas, destacan o XXXI Festival de Airiños do Xunco (16 de maio) e o II Certame Literario “Letras Galegas” (17 de maio, Burgo de Trasbar).

Exit mobile version