Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares anuncian que a directora xeral de Traballo recibirá o luns aos traballadores de Vestas

Viveiro, 17 de abril de 2015.- Representantes do Partido Popular mantiveron hoxe un novo encontro co Comité de empresa de Vestas no que aproveitaron para darlles conta das xestións realizadas en cumprimento do seu compromiso para que os traballadores sexan recibidos pola Xunta e así poidan trasladar de primeira man ao Goberno a situación que afecta a esta compañía.

Os populares adiantan que a devandita cita coa directora xeral de Traballo e Política Social, Carmen Bouso terá lugar o vindeiro luns ás 11 da mañá e ao encontro acudirán os traballadores de Vestas, aínda que fan extensible esta mesma invitación á dirección da empresa por si tivera interese tamén en participar.

Na reunión desta tarde estiveron presente o secretario xeral do Partido Popular de Lugo e parlamentario autonómico, Jose Manuel Balseiro, o tamén deputado Vidal Martínez-Sierra, acompañados do presidente local do PP, Antonio Bouza, do congresista Jaime de Olano e de varios responsables locais.

MEDIACIÓN
O encontro serviu tamén para reiterar, unha vez máis, o ofrecemento feito na anterior xuntanza. Lembran que a Consellería de Traballo e Benestar pon á disposición da empresa e dos traballadores que así o soliciten, o servizo de solución extraxudicial de conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais. Este organismo, especializado neste tipo de conflitos laborais, ten como obxectivo acadar unha solución entre as partes a través da mediación, especialmente positiva neste período de consultas.

Desde o PP aseguran ter unha preocupación real tras o anuncio dos expedientes de regulación de emprego e por iso quixeron poñer en valor o acordo unánime acadado esta semana no Parlamento de Galicia, grazas ao decisivo voto favorable do Grupo Popular, en apoio dos traballadores desta compañía e dirixido a impulsar todas as medidas posibles para intentar garantir a actividade futura da empresa e os seus postos de traballo.

Exit mobile version