Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares piden ao BNG que deixe de intoxicar e aseguran que o rexistro civil seguirá a ser público e gratuíto

A Mariña, 18 de abril de 2015.- Os populares da Mariña lucense esixiron ao BNG que deixe de intoxicar e desinformar á poboación e aseguraron que o rexistro civil seguirá sendo público e gratuíto. Desde o PP lamentan a deriva do BNG obsesionado en xerar falsas alarmas e confundir á opinión pública.

Os populares negaron rotunda e categoricamente que o rexistro civil se estea a privatizar en aplicación da nova normativa e insisten en que, en ningún caso, os trámites que se efectúen levaran consigo algún custo para os cidadáns, como establece o novo proxecto de Lei no que traballa o Executivo central.

Desde o PP aseguran que cada un destes extremos foron confirmados repetidamente tanto desde o Ministerio de Xustiza como desde a propia Xunta, a última vez onte, coa comparecencia do director xeral de Xustiza no Parlamento de Galicia, onde aclarou que este rexistro seguirá a ser de uso público e gratuíto.

XESTIÓN ENCOMENDADA AOS REXISTRADORES
“Simplemente hai un cambio: o que antes levaban os xulgados pasan a levalo os rexistradores, que son tamén funcionarios públicos” – insisten desde o PP.

Os populares defenden que a nova nova normativa pretende mellorar o servizo e facilitar o acceso dos cidadáns a eses datos e certificacións, e de feito aclaran, que se pretende avanzar na posibilidade de realizar trámites electrónicos, desde internet.

“O rexistro civil será electrónico, público e gratuíto e a titularidade dos datos seguirán sendo estatal”, engadiron. Ademais, descartaron que vaia supoñer a perda de ningún posto de traballo nin de empregado público”.

DESXUDIALIZACIÓN NUNCA PRIVATIZACIÓN
Por último, explicaron que con este cambio se pretende “descargar aos órganos xudiciais de labores que non sexan propias da Administración de xustiza, como a levanza de rexistros,”. “Os xuíces están para administrar xustiza”, insisten os populares

Desde o PP din que a dedicación deste persoal á función xudicial “supoñerán axilizar a tramitación e resolución de asuntos xudiciais, ao incrementarse as dotacións actuais”, xa que “contar con máis medios persoais libres de outras funcións levará consigo unha redución dos tempos de espera na Xustiza”.

Exit mobile version